TURISMO E FESTAS

Máis de 200 figuras integran o Belén da igrexa de San Fiz de Solovio, que pode visitarse ata o 5 de xaneiro

05/12/2019 Os concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte, e de Festas, Gonzalo Muíños, visitaron hoxe o Belén tradicional de San Fiz de Solovio, promovido polo Concello de Santiago, e no que colaboran o Mercado de Abastos, o Colexio Maior de San Agostiño e o Arcebispado de Santiago de Compostela. Son máis de 200 figuras, cedidas por José Uzal, que tamén se encargou da montaxe. Todo o Nacemento está feito a man, con barro e lenzo pintado, e inclúe diferentes escenas de Nadal, pezas en movemento, iluminación e son, ademais de auga natural.

A exhibición do Belén brinda ademais unha ocasión inmellorable para visitar a igrexa de San Fiz, fundamental na historia fundacional de Santiago. Ademais, o seu tímpano acolle unha fermosa representación gótica da Epifanía ou Adoración dos Magos. O Nacemento pódese ver ata o sábado, 5 de xaneiro, en horario de mañá e tarde. A entrada á igrexa é de balde.

Sindo Guinarte deu ás grazas ao belenista, José Uzal, polo "magnífico resultado, despois dun laborioso traballo". Un Nacemento, sinalou, que "aínda que varía, mantén a súa esencia ano tras ano". O concelleiro de Turismo rematou convidando a todos os veciños e veciñas a ver o Belén, que "é tamén unha boa escusa para vir ver a igrexa de San Fiz, tan vinculada á orixe da cidade e que conta con marabillosas xoias arquitectónicas como a propia Epifanía ou frontispicio".

O Belén de San Fiz de Solovio pode visitarse dende o ano 2015. En 2018 tivo unha afluencia de público de 26.810 persoas, cunha media diaria de 745 visitantes. Ademais dos concelleiros de Turismo e de Festas, nesta visita tamén estiveron presentes o voceiro de Compostela Aberta, Martiño Noriega; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, o propio belenista José Uzal, o coengo lectoral da Catedral, en representación do Arcebispado, José Fernández Lago; e a xerente do Mercado de Abastos, Marta Rey.

Documentos relacionados



Compartir: