ACCIÓN CULTURAL

O concurso Compostela Lírica busca novos talentos vocais esta fin de semana no Teatro Principal

04/12/2019 O Teatro Principal acollerá o sábado 7 (17:00 h) e o domingo 8 de decembro (19:00 h) o II Concurso de Canto Compostela Lírica, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago e co apoio económico da Fundación José Otero-Carmela Martínez. A entrada a este certame de novos talentos é libre.

Mercedes Rosón destacou a "frutífera relación" entre o Concello e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, plasmada xa en varias colaboracións, como a das galas líricas en homenaxe a Andrés Gaos realizadas no mes de novembro. Precisamente, nesas actuacións participou a soprano Alexandra Tarniceru, gañadora da primeira edición de Compostela Lírica. "E ao igual que nesa primeira edición, seguro que este sábado e domingo poderemos desfrutar de voces que moi pronto serán referentes no mundo da lírica. E iso seguro que tamén redunda en que o certame se consolide e siga celebrando novas e exitosas edicións", apuntou a concelleira.

Acompañaron a Mercedes Rosón na rolda de prensa Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia; Jesús Couceiro, presidente da Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; e José María Miranda, secretario da Asociación.

Anxo Lorenzo destacou a importancia de Compostela Lírica como nova iniciativa, pois "vén a cubrir un oco non cuberto" e felicitou a Amigos da Ópera tanto polos "resultados moi alentadores" da primeira edición como polo "entusiasmo e dinamismo" da entidade, aberta a colaboracións incluso máis alá de Santiago. A Asociación celebrará en 2020 o décimo aniversario da súa fundación.

En nome de Amigos da Ópera, o seu presidente, Jesús Couceiro, agradeceu a colaboración institucional de Concello e Xunta e salientou a repercusión do certame mesmo a nivel internacional. Isto foi ratificado polo secretario da Asociación, José María Miranda, ao indicar que este ano solicitaron a súa participación no concurso 40 solistas de países como España, Ucrania, Alemania, Bélxica, México, Venezuela, Portugal, Estados Unidos, Puerto Rico ou Corea.

Miranda cualificou Compostela Lírica como un dos "proxectos máis mimados da Asociación" e como un "novo paso adiante para consolidar Santiago de Compostela coma referente lírico".

Eliminatoria e final
O II Concurso de Canto Compostela Lírica ten como destinatarios/as a novos talentos do mundo da lírica (de 18 a 35 anos). Está reservado exclusivamente ao xénero da ópera, na modalidade de voz solista de calquera tesitura vocal.

Despois dun período de inscrición rematado o 31 de outubro, o xurado escolleu 27 participantes (20 mulleres e 7 homes), que concursarán na primeira fase eliminatoria do sábado, a partir das 17:00 horas. Desta xornada, na que cada concursante cantará unha aria, sairán dez finalistas, que competirán polos premios na sesión do domingo, que arrincará ás 19:00 horas e na que cada participante interpretará dúas arias.

O/a gañador/a do certame, recibirá como premio 3.000 euros e un recital remunerado no Teatro Principal, mentres que o galardón para o/a segundo/a clasificado será de 1.000 euros e un recital remunerado. Hai tamén unha novidade, o Premio "Andrés Gaos" ao/á mellor cantante galego/a, recompensado cunha actuación remunerada. Optarán a este galardón as cinco cantantes galegas clasificadas.

O xurado desta segunda edición do Concurso de Canto Compostela Lírica estivo formado por Arturo Reverter Gutiérrez de Terán, crítico musical (presidente); Celestino Varela González, director xeral da Ópera de Oviedo; Joan Company Florit, director dos Coros de la Orquestra Sinfónica de Galicia e da Universidade das Illas Baleares; Graziela Valceva Fierro, mezzosoprano e profesora de canto; e Victoria Stapells, crítica musical. Actuou como secretario José María Miranda, da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.

Compostela Lírica conta coa dotación económica da Fundación José Otero – Carmela Martínez, e coa colaboración do Concello de Santiago, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Consello da Cultura Galega.

Compartir: