ALCALDÍA

O alcalde clausurou o acto de entrega de diplomas do programa "Social Media, Marketing dixital e Emprendemento"

25/11/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na entrega de diplomas ao alumnado do "Programa social media, marketing dixital e emprendemento", organizado pola Fundación INCYDE e a Cámara de Comercio no Viveiro de Empresas de Costa Vella, e no que colabora o Concello compostelá. O rexedor felicitounos, e destacou a colaboración que o Concello mantén co órgano cameral. "Estamos moi contentos do labor que se vén desenvolvendo", dixo, engandindo que "vivimos nun tempo no que calquera desenvolvemento económico e calquera actividade de futuro está vinculada ao emprendemento e á innovación".

Durante o acto de clausura, no que tamén estaban presentes María Torres, directora de Desenvolvemento de Programas da Fundación Incyde; e Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, presentáronse dous dos proxectos empresariais deseñados polo alumnado. O primeiro, Biopraedium, realizado por Carmen Martínez, é unha empresa especializada na fabricación de kits ecolóxicos para o cultivo e complementos de horticultura. O segundo, Cielo Azul, un camping sostible para peregrinos do Camiño de Santiago, desenvolvido por Manuel Pereiro e Fabiola Álvarez. O alcalde animounos a todos a seguir adiante. "Haberá experiencias que non saian ben, pero realmente apréndese máis dun erro que dun acerto. Se temos puntualmente un fracaso, non nos debemos desmoralizar. Debemos analizar o que fallou, e o que debemos correxir. O fracaso moitas veces é a antesala do éxito", sinalou.

A actividade formativa, na que participaron unha vintena de alumnos e alumnas, estruturouse en tres partes: sesións de formación conxunta, accións de acompañamento e consultoría individualizada e mentoring e seguimento. O principal obxectivo do curso era proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver o Plan de Empresa e o Plan de Mellora, sempre coa axuda das ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha.

Agora, unha vez desenvolvido, o promotor ou promotora pódeo empregar como guía de referencia para a posta en marcha e/ou consolidación do seu negocio. E tamén lle pode servir como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras. Ademáis, o alumnado xa conta coas ferramentas suficientes para definir a súa propia estratexia de comunicación nas redes sociais, o plan de marketing dixital e a execución de accións para mellorar a reputación e o posicionamento dos seus produtos e/ou servizos en internet.

Compartir: