IGUALDADE

"Contra a violencia, educación", lema central do manifesto municipal con motivo do 25N

25/11/2019 A praza do Obradoiro acolleu esta mañá o acto principal do Concello de Santiago con motivo da celebración do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Corporación presidiu esta cerimonia, na que se leu un manifesto institucional e na que diversos centros escolares representaron proxectos realizados para a ocasión dentro dun certame organizado polo Concello.

O manifesto afirma o compromiso do Concello de Santiago na "loita pola erradicación das violencias contra todas as mulleres" e no seu combate "con todos os recursos dispoñibles". Incide na necesidade de "incluír ás institucións, axentes sociais, medios de comunicación, comunidade educativa e á cidadanía en xeral neste compromiso e no rexeitamento á complicidade de que acubilla e silencia estas violencias". Ademais, recoñece "a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres, nenos e nenas", polo que resulta necesaria "a inclusión e o recoñecemento como violencia de xénero na lexislación e na atención integral, de todos estes tipos de violencias machistas".

Baixo o lema "Contra as violencias, educación", a campaña municipal do 25N quixo este ano poñer o foco no ensino e nos máis novos e novas. "Compre atallar ás causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas reais para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, contemplar recursos humanos e económicos para o seu correcto desenvolvemento no ámbito da xustiza, da sanidade, da administración e sobre todo da educación", afírmase.

Na lectura houbo un especial recordo a "María José, Sandra, Alba e María Elena, en Valga, e Mari Carmen en Vilalba", as mulleres asasinadas este ano en Galicia, que se suman a 48 mulleres máis, que segundo as cifras oficiais, foron asasinadas este ano en España como consecuencia da violencia machista.

O acto foi conducido pola concelleira de Igualdade, Noa Díaz, e leron o manifesto as concelleiras Goretti Sanmartín (BNG), Marta Lois (Compostela Aberta) e María Antón (PP). Rematou a lectura o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

Despois desta lectura, diversos centros educativos expuxeron os proxectos realizados no marco dun certame convocado pola Concellaría de Igualdade. Así, catro alumnas do IES Rosalía de Castro –Nuria Rodríguez, Candela Álvarez, Sofía O’Donell e Carlota Curra- leron, respectivamente as cartas "A unha irmá morta por violencia de xénero"; "Dunha rapaza a ela mesma no futuro", "Poema a unha amiga, vítima de violencia de xénero" e "A un maltratador".

A continuación, Alba Fiaño e Ánxel Varela, do CEIP Roxos, leron un texto sobre a creación do vídeo "Micromachismos", e alumnado do CEIP Pío XII recitou o poema "Para un mundo sen violencia, un poema que o defenda". Seguiron Iria Vázquez, do IES Xelmírez I, para falar sobre o vídeo "Violencia de xénero", e tres alumnas do CPR Vilas Alborada (Carla García, Sofía Novais e Mara García) leron a poesía "Xa me cansei". Finalmente, escolares deste mesmo centro protagonizaron unha actuación musical conxunta baixo o título "Contando lunares".

Acto da USC
Posteriormente, a concelleira de Igualde, Noa Díaz, participou no acto institucional con motivo deste 25N organizado pola Universidade de Santiago. O acto serviu tamén para facer entrega dos galardóns do III Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero, financiados con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. Laura Rubio Lareu, co relato "Calquera", fíxose co primeiro premio deste certame, dirixido a todo o alumnado das titulacións de primeiro e segundo ciclo, grao, máster e doutoramento, matriculado na USC no curso 2019-2020. Ademais, o xurado decidiu conceder dous accesit ás obras "Leoa", de Andrea Durán Liñares, e "Soga", de Adrián Feijoo Sánchez.

Ademais dos textos galardoados, serán recollidos nunha vindeira publicación outros catro relatos finalistas, os cales foron recoñecidos con cadanseu diploma acreditativo; este é o caso das obras "Unha pegada indeleble", de Lydia Burgaña Caballero; "Bébote á miña maneira", de Vanesa Eimil Díaz; "Víase vir", de Lucía Mansilla Ojeros; e "A soidade no abuso", de Sara Rodríguez Fraga.

Compartir: