TURISMO

Unha nova mouteira do Camiño en Pistoia reforza os lazos de Compostela coa cidade italiana

23/11/2019 O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo de Santiago de Compostela, Sindo Guinarte, asistiu na praza do Duomo de Pistoia á colocación dunha mouteira, que sinala os 2.505 quilómetros que separan ambas cidades e reforza os lazos do Camiño de Santiago coa localidade italiana. No acto tamén estiveron presentes a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o alcalde de Pistoia, Alessandro Tomasi; o bispo da localidade, Fausto Tardelli; e a prefecta da provincia de Pistoia, Emilia Zarrilli.

Sindo Guinarte asistiu convidado polo Concello de Pistoia a esta xornada de traballo, na que falou sobre a oferta turística da nosa cidade, a xestión do sector, o Camiño de Santiago, os proxectos de futuro e as relacións entre Pistoia e Compostela. O concelleiro explicou que, nos seus folletos turísticos, Pistoia denomínase a si mesma como "a pequena Santiago". Trátase, sinala, dun vínculo histórico que se remonta ao século XII. Segundo a tradición, conservan unha reliquia do Apóstolo nunha catedral dedicada a Santiago, que tamén conta cunha Porta Santa e cun altar en prata que relata a súa vida, tal e como se describe no Códice Calixtino.

Pistoia é unha cidade moi vinculada á ruta xacobea, que ten a Santiago como referente. Conta con aproximadamente 95.000 habitantes e atópase preto de Florencia, Siena e Pisa, "cun espazo de influencia importante que tamén nos interesa para atraer turistas italianos", segundo indica Sindo Guinarte. Recordou o concelleiro que os/as peregrinos/as italianos/as son os/as máis numerosos/as, despois dos/das españois/las.

Sindo Guinarte sinalou que "foi unha xornada frutífera, de traballo intenso, que estou seguro terá continuidade o próximo ano", cunha exposición de Pistoia en Santiago; e outra, en Compostela, sobre a cidade italiana, ámbalas dúas promovidas pola Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo. Engadiu o concelleiro que " servirán para manter os contactos no ámbito turístico".

Pola mañá, Sindo Guinarte reuniuse co alcalde de Pistoia e co concelleiro de Turismo da localidade italiana. A continuación ofreceron unha rolda de prensa, e pola tarde, despois do descubrimento da mouteira, Guinarte participou nunha mesa redonda sobre o Camiño de Santiago e o Ano Santo 2021, na que tamén interviñeron Cecilia Pereira; o profesor e presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño, Paolo Caucci Von Saucken; e a doutora e profesora Lucia Gai, entre outros especialistas nas peregrinacións xacobeas.

Compartir: