ACCIÓN CULTURAL

O Auditorio e a Fundación DIDAC presentan o libro "Formas do deseño. Galicia XXI", editado con motivo da mostra recentemente celebrada no recinto

19/11/2019 Este mércores 20 de novembro, ás 19:00 horas, terá lugar a presentación da publicación Formas do deseño. Galicia XXI, editada con motivo da exposición recentemente celebrada no Auditorio de Galicia. A presentación será na sala circular do Auditorio de Galicia e contará coa presenza de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural; David Barro e Mónica Maneiro, comisarios da exposición; e María Ramos, deseñadora e participante na mostra.

A publicación é unha coedición do Auditorio de Galicia e a Fundación DIDAC e vén a continuar a colaboración iniciada coa mostra Formas do deseño. Galicia XXI entre os meses de febreiro e xuño de 2019, que tivo como intención axudar a construír un relato dende o presente do potencial creativo de Galicia no ámbito do deseño. O punto de partida simbólico foi a publicación do Manifesto do Laboratorio de Formas de Galicia editado en 1970, que entre as súas primeiras accións incluía o renacemento da fábrica de Sargadelos e a creación do Museo de Arte Carlos Maside.

Formas do deseño. Galicia XXI construíu un relato, non tanto de novas creativas e creativos, senón de propostas de deseño que foron realizadas nas últimas décadas. Así, aínda que a mostra se centrou en deseñadores e deseñadoras que cobraron visibilidade xa entrado o século XXI, prestou tamén atención aos deseñadores e deseñadoras que viñan traballando con rigor e continuaron traballando no cambio de século.

Agora, a publicación recolle un extenso texto de David Barro, no que analiza os percorridos do deseño en Galicia no século XX e XXI e unha serie de entrevistas realizadas para a ocasión a algúns dos protagonistas actuais do panorama do deseño galego como Marcos Dopico ou María Ramos no campo da tipografía; Uqui Permui, desescribir, Desoños, Numax Laboratorio ou Costa, no campo do deseño gráfico, editorial, web e publicitario; Álvaro Valiño no campo da infografía; Irisarri Piñera Arquitectos, Arturo Álvarez, Isaac Piñeiro ou lago:monroy nos ámbitos da iluminación, deseño de mobiliario ou arquitectura; Fruto DS no campo do deseño industrial; Marta Verde no desenvolvemento de interactivos; ou Alberto Barreiro no deseño estratéxico.

A publicación poderá mercarse na recepción do Auditorio de Galicia a un prezo de 15 euros.

Compartir: