IGUALDADE

Compostela en Negro volve denunciar as violencias machistas neste 25N e pide a implicación da cidadanía

14/11/2019 A poucos días do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, dende a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago faise un chamamento á participación de toda a cidadanía na campaña Compostela en Negro, que volverá tinguir a cidade de negro para denunciar a problemática das violencias machistas. En Compostela haberá unha acción específica este ano dirixida ao tecido empresarial compostelán coa colaboración da Asociación Empresarial do Polígono do Tambre que se presentará este luns 18.

Compostela en Negro naceu no Concello de Santiago como unha acción colectiva para sensibilizar e denunciar socialmente as violencias machistas no 2015. Hoxe insírese dentro da campaña xenérica En Negro, á que se foron sumando máis de cen concellos galegos dende o seu comezo hai catro anos.

Para participar nesta acción outra volta, a Concellaría de Igualdade está a difundir entre a cidadanía, colectivos, comunidade educativa e asociacións de diversa índole unha serie de propostas e consellos que animan a sumar forzas e visibilizar a denuncia e o rexeitamento a todo tipo de violencias exercidas contra as mulleres:

- Se xa participaches nas anteriores edicións reutiliza os materiais para vestir de negro o teu escaparate, espazo público, posto no mercado, restaurante, hotel, comercio, biblioteca, libraría, froitaría, tenda de roupa... E que se vexa! Sobre todo entre o xoves 21 e o luns 25 de novembro.

- Se é a primeira vez que participas, podes recoller material para vestir o teu comercio, entidade ou asociación no CIM (Centro de Información ás Mulleres, edificio de Servizos Sociais en Galeras) en horario de 9:00 a 14:00 e de 15:30 a 19:00 h a partir do luns 18 e ata o venres 22.

Queremos unha Compostela libre de violencias machistas e gustaríanos que te implicases como veciña, habitante ou estudante na visibilización e denuncia das violencias machistas. Viste de negro a túa ventá, balcón, a fachada do teu edificio... A imaxinación é benvida! Prende roupa negra en sinal de dor e de rexeitamento, ou para sinalar os espazos libres de violencias machistas, porque queremos 'Mulleres sempre libres e vivas'. Explica a acción na túa comunidade veciñal, no teu barrio, na túa entidade, na túa facultade, na túa biblioteca...

- A educación e a prevención son medidas esenciais para frear as violencias exercidas contra as mulleres. Por iso, o lema central que acompañará as accións de Compostela en negro será "Contra as violencias machistas, educación". Dende a Concellaría de Igualdade invitouse os centros escolares a sumarse á campaña colocando a lona negra na fachada do edificio e vestindo de negro (e se chove, con paraugas negros) o 25N, de 11:00 a 12:00 h, na praza do Obradoiro, durante a concentración e lectura do manifesto.

A maiores, convidouse as escolas e institutos a participar dun xeito máis activo e expresar o rexeitamento ás violencias machistas a través das súas propias creacións para seren lidas ou representadas o propio 25N no Obradoiro (máis información no correo cim@santiagodecompostela.gal).

- Dende a campaña xenérica dirixida a toda Galicia, En Negro, convídase a que as empresas, centros escolares e IES e colectivos de diversa índole que se queiran adherir produzan material ou realicen algún tipo de acción (obradoiros, charlas…).

- Posiciónate contra as violencias machistas nas redes sociais. Comparte a túa foto, cos teus lemas e denuncias... E envíaas a territoriodasmulleres@gmail.com para crear un gran álbum de fotos! Tamén podes etiquetarnos no Facebook (@territoriodasmulleres), en Twitter (@CompostelaTM) ou en Instagram (@compostelatm) e empregar os cancelos #CompostelaEnNegro, #GaliciaEnNegro, #ContraAsViolencias e #EnNegro2019.

Direccións relacionadas



Compartir: