ACCIÓN CULTURAL

Amigos da Ópera e a Banda Municipal homenaxearán o compositor Andrés Gaos con dúas galas líricas en Vilagarcía e Santiago

14/11/2019 A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e a Banda Municipal de Música de Santiago homenaxearán neste mes de novembro a figura do compositor Andrés Gaos (1874-1959) con dúas galas líricas que se celebrarán en Vilagarcía e en Santiago os días 15 e 16 de novembro, respectivamente. Así, o anunciaron en rolda de prensa esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director da Banda Municipal de Santiago; Casiano Mouriño; o presidente da Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; Jesús Couceiro, e a soprano Alexandra Tarniceru.

Amigos da Ópera de Santiago colabora así unha vez máis coa Banda de Música de Santiago co obxectivo, desta volta, de renderlle tributo ao histórico compositor galego Andrés Gaos. Ambas as dúas galas líricas contarán coa soprano Alexandra Tarniceru, gañadora do I Concurso de Canto Compostela Lírica, organizado por Amigos da Ópera de Santiago, e co Coro Liceo de Vilagarcía, todo baixo a dirección musical de Casiano Mouriño, director da Banda compostelá.

A Gala Lírica Homenaxe a Andrés Gaos dividirase en dúas partes. Na primeira metade, o programa centrarase en lembrar a Gaos coa interpretación de varias das súas obras, entre as que destacan a Sinfonía No 2 "En Las Montañas de Galicia ou Rosa de Abril", cuxa letra pertence a Rosalía de Castro. Xa na segunda parte, ofrecerase ao público fragmentos de grandes coros de coñecidas óperas. Así, escoitaranse pezas de Richard Wagner, Alexander Borodin, Giacomo Puccini ou Bizet.

A Gala Lírica celebrarase no Auditorio de Vilagarcía de Arousa o vindeiro venres 15 de novembro ás 21:00 horas. As entradas xa están á venda a través da plataforma Ticketea ou no teléfono 911 982 284. Xa ao día seguinte, o sábado 16 de novembro, o Auditorio de Galicia de Santiago acollerá a Gala Lírica a partir das 20:30 horas. No caso de Santiago, a entrada será libre até completar aforo. Ambos os dous concertos enmárcanse no Ano Gaos, conmemoración da figura do compositor nacido na Coruña no sesenta aniversario do seu falecemento. Ao longo deste 2019, multitude de actos serviron para celebrar o seu legado con recitais, concertos ou mostras.

Documentos relacionados



Compartir: