RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Sindo Guinarte, na apertura do Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía

12/11/2019 O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, Sindo Guinarte, participou hoxe na mesa de apertura do Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento, que se celebra ata mañá na EGAP, a Escola Galega de Administración Pública. Despois de darlle a benvida aos/ás participantes, Sindo Guinarte destacou os estreitos vínculos de Galicia con Portugal, e, por extensión, coa comunidade lusófona. Tamén incidiu na importancia dos concellos como administración máis próxima: "nun mundo globalizado, son gobernos locais os que mellor responden ás necesidades da cidadanía, e contribúen a erradicar as desigualdades".

O obxectivo das xornadas, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, é achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas, así como reflexionar sobre as contribucións máis relevantes dos gobernos municipais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola ONU. Nelas participan representantes de países como Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde e Santo Tomé e Príncipe.

O discurso inaugural pronunciouno Mariana Cupane, presidenta da Asemblea Municipal de Boane (Mozambique) e representante das Rede de Mulleres Autarcas Mozambicanas. Despois da mesa de apertura, tivo lugar o debate sobre a implementación dos ODS, no que participaron representantes de concellos de distintos países, entre eles Nigrán (Pontevedra), Ribeira Grande de Santiago (Cabo Verde), Xa-Xai (Mozambique) ou Araraquara (Brasil).

Pola tarde debaterase sobre boas prácticas da gobernanza local a prol dos ODS para compartir e cooperar. E mañá, na segunda xornada, daranse a coñecer distintas experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa. O encontro pecharase cos primeiros pasos para a creación dunha Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, e coa declaración "Solidariedade alén da lingua".

Compartir: