XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica o alumeado de Nadal, que se acenderá o 5 de decembro

11/11/2019 A Xunta de Goberno Local celebrada este luns adxudicou o alumeado de Nadal. Entre outros asuntos, tamén deu o visto bo aos proxectos de acondicionamento exterior e interior do xacemento do castelo da Rocha Forte, e adxudicou a primeira fase da construción dunha senda peonil na rúa de San Martiño, na parroquia de Aríns.

O alumeado de Nadal foi adxudicado á empresa Iluminaciones Santiaguesas por un importe de 215.985 euros (IVE incluído) e a súa posta en marcha será o 5 de decembro, tal como indicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, na rolda de resumo da Xunta de Goberno. Tamén apuntou que nesta edición se manterá o Belén de San Fiz, pero que tamén volver a haber un Belén no Obradoiro. Os detalles da iluminación de Nadal serán presentados en breve en rolda de prensa.

Rocha Forte
En materia de rehabilitación, o Goberno local aprobou os proxectos de acondicionamento exterior e interior do castelo da Rocha Forte. Estas dúas obras están incluídas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI), financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

En canto ao exterior, a intervención contará cun orzamento máximo de licitación de 292.168 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses. Permitirá, entre outras actuacións, realizar un estacionamento para visitantes, ordenar a capa vexetal e plantar novo arborado ou construír unha atalaia-miradoiro na proximidade do xacemento.

No interior, o proxecto contempla a creación dun itinerario conceptual sobre o cal establecer a musealización do xacemento, con sendeiros, plataformas e paneis informativos que guíen o/a visitantes. O orzamento máximo de licitación de 89.166,53 euros (IVE incluído) e a actuación deberase executar en dous meses.

Senda peonil en Aríns
Por outra parte, a proposta do concelleiro de Medio Rural, aprobouse expediente e abriuse o procedemento de adxudicación da primeira fase da construción dunha senda peonil na rúa de San Martiño, na parroquia de Aríns. O tipo de licitación é de 406.609,27 euros.

Equipamentos en Figueiras
Tamén no ámbito rural, acordouse ampliar por sete semanas o prazo para completar a obra de mellora de equipamentos deportivos en sociais na parroquia de Figueiras, incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos - POS+2018). En calquera caso, abriuse expediente por incumprimento de contrato, dando audiencia ao contratista por un prazo de 15 días hábiles, con carácter previo á imposición, no seu caso, das penalidades que procedan pola demora acumulada na execución dos traballos.

Estadio de San Lázaro
Outro dos acordos foi o de aprobación do proxecto técnico para a aplicación de medidas correctoras no estadio municipal de San Lázaro, segundo o estudo integral de patoloxías (fase III). Fíxase un orzamento máximo de licitación de 899.188,75 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de catro meses. Realizaranse reparacións de fachadas, cubertas, soportais e torres de iluminación.

Ludoteca das Fontiñas
A proposta da concelleira delegada de Educación, aprobouse o expediente para contratar un servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes. Iníciase o procedemento de adxudicación, cun tipo de licitación de 144.359,06 euros (IVE incluído).

Programa de Conciliación de Nadal
Seguindo con Educación, deuse o visto bo á memoria do Programa Municipal de Conciliación de Nadal, que se desenvolverá os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro de 2019 e 2, 3 e 7 de xaneiro de 2020 no CEIP Monte dos Postes e no CEIP Ramón Cabanillas, así coma aos prezos públicos do programa.

Festa do Apego
Finalmente, aprobouse a realización nunha nova edición da Festa do Apego, que se celebrará o 28 de decembro no Auditorio de Galicia, cun orzamento total estimado total de 30.245 euros.

Documentos relacionados



Compartir: