MOCIDADE

Volve o "Boas Noites" con propostas de lecer alternativo para os xoves e venres de novembro

06/11/2019 Os xoves e venres de novembro volven contar por cuarto ano cunha oferta alternativa de lecer para a xuventude grazas ao programa Boas Noites, presentado esta mañá pola concelleira de Mocidade, Noa Díaz. Acompañouna na rolda de prensa Hadrián Rei, da Asociación Cultural e Xuvenil Itaca.

Noa Díaz destacou que Boas Noites permite que a mocidade de Compostela poida "explorar maneiras diferentes de pasalo ben". O programa, dixo, ofrece "propostas enriquecedoras, activas e construtivas" e fai posible "difundir o traballo de diversas asociacións do concello e tamén o talento e a creatividade da nosa mocidade".

Nesta edición, están implicados/as 57 colaboradores e 26 asociacións, que porán en marcha 27 actividades. O programa medrou na pasada edición ata as 767 persoas participantes, tal como indicou Hadrián Rei, quen tamén salientou que este ano se alcanzaron as 39 propostas, das que saíron as finalmente elixidas.

O programa realizarase en varias localizacións, como a Casa do Matadoiro, o local veciñal de As Brañas de Andrés ou os centros socioculturais da Caramoniña e da Almáciga. A participación é de balde en todas as actividades, se ben algunhas precisan inscrición previa, que se fará semanalmente enchendo un formulario dispoñible en itaca.gal e nas redes sociais. Tamén existe a posibilidade de pasarse polo lugar da actividade 15 minutos antes do inicio por se aínda quedaran prazas.

Programa
Boas Noites arrincará este xoves 7 de novembro, ás 21:00 horas, cunha Noite Foliadeira na Casa do Matadoiro, na que os/as participantes poderán iniciarse na arte da regueifa guiados/as por Lupe Blanco ou na construción de instrumentos de música de cana con Oli Xiráldez. E tras os obradoiros, ás 22:30 horas, foliada con músicas da terra da man de Habelas Hainas.

Os obradoiros serán un dos eixes do programa Boas Noites. Haberá talleres de cociña (venres 8, 15, 22 e 29), téxtiles (venres 8), danza (xoves 14 e 21), percusión (xoves 14 e 21), póster art (venres 15) e creación audiovisual (venres 15 e 29). Sobre estes obradoiros, Hadrián Rei destacou o éxito que sempre teñen os de cociña, os primeiros sempre en esgotar as prazas.
Ligados a estes obradoiros, celebraranse varios concertos, comezando polo que Son de Tres, trío de música tradicional cubana, ofrecerá o xoves 14 na Casa do Matadoiro. No mesmo emprazamento tocarán os brasileiros SomDoLilá o xoves 21.

O teatro tamén terá protagonismo no programa, coa representación de Váter. Comedia claustrofófica, por Sal do Teatro, o venres 8 no Centro Xove da Almáciga. Unha semana despois, no mesmo emprazamento, Faíscas Teatro levará a escena a obra O que che contei mentres facías que durmías. Ademais, o xoves 28, a Casa do Matadoiro acollerá unha noite de microteatro.

Entre as propostas figuran dúas de xogos: unha titulada "As castañas máxicas", un gran xogo con saída da praza do Toural o venres 22; e outra de xogos de mesa, a desenvolver no Centro Xove da Almáciga o venres 29. Dous serán tamén os roteiros: un nocturno titulado "Compostela pedra a pedra: relato, mito e lenda", con saída da Cruz de San Pedro o venres 22,; e un denominado "Explorando os territorios da turistificación", con saída dende a Casa do Matadoiro o venres 29. O programa complétase cun magosto que se celebrará na sede de Itaca o venres 22 de novembro.

Documentos relacionados



Compartir: