TURISMO

A cuarta edición de Compostela Ilustrada retratará a arquitectura contemporánea da cidade

05/11/2019 Xa está todo listo para a celebración da cuarta edición do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que se celebrará dende o vindeiro xoves 7 de novembro ata o domingo 10. Catorce ilustradores e ilustradoras estará nas rúas para debuxar nesta ocasión a arquitectura contemporánea da cidade. Todo isto ao longo de catro xornadas nas que haberá obradoiros de rúa, exposicións, workshops e outras moitas actividades, entre as que destacan as Xornadas de Ilustración Urbana. O programa foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e a organizadora do evento, Gemma Sesar.

Sindo Guinarte amosouse moi satisfeito da consolidación deste encontro, que reunirá uns/unhas 150 participantes que, segundo destacou, ofrecerán "unha ollada diferente da cidade, unha visión particular que sen dúbida contribúe á promoción turística de Santiago, tanto pola propia dimensión internacional que teñen acadado na actualidade os chamados cadernos de viaxe, como polo propio programa do evento, o máis grande encontro deste tipo na Península".

Compostela Ilustrada arrincará o vindeiro xoves no Museo das Peregrinacións, ás 13:00 horas, coa inauguración dunha mostra titulada Simplemente Santiago, que coorganiza o Concello, e coa presenza dos e das debuxantes na rúa do Vilar. Abrirase así un programa que contará con obradoiros, exposicións, workshops e outras actividades en varios espazos da cidade.

Xornadas de Ilustración Urbana
Entre as propostas do Encontro destacan as Xornadas de Ilustración Urbana, que se celebrarán o venres 8 e o sábado 9 no Auditorio de Galicia e das que deu conta o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, que salientou esa "outra mirada" da cidade que nos ofrecen os debuxantes, "que convidan ao mirar coidadoso e agarimoso", lonxe das présas.

As Xornadas estarán moderadas pola nova directora de Compostela Ilustrada, Maru Godas, unha das mellores urban sketchers de España, que substitúe na dirección a Miguelanxo Prado. Con entrada de balde, contarán con conferencias de Isabel Carmona, Hugo Barros, Raúl Guridi, Aurora Villaviejas, Federico Granell e Róisín Curé. Ademais, o artista francés Laurent Corvaisier realizará en directo un mural de 2 x 2 metros.

Obradoiros, exposicións, workshops e actividades paralelas
Gemma Sesar, de El Patito Editorial, foi a encargada de detallar o programa, no que destacan os workshops a cargo das ilustradoras e ilustradores convidados. Celebraranse durante a mañá do venres e do sábado en diferentes espazos da cidade e con variados contidos, rematando cada sesión co debuxo en exterior.

Ademais da exposición Simplemente Santiago, haberá outras dúas mostras. Unha delas, titulada De viaje, de Federico Granell abrirase o xoves na Galería Metro. A outra, baixo o título Postales desde…, inaugurase o venres, ás 13:00 horas, na Galería Sargadelos, a beneficio da Aula Hospitalaria do Clínico. Componse de máis de 150 postais debuxadas enviadas polos/as participantes do pasado ano dende todas as partes do mundo, que serán vendidas.

Tamén se presentarán tres libros: Camiño do Norte. Visións contemporáneas, con Pilar Barral, Amelia Palacios e Ana Grasset (venres 8, ás 20:00 h, na Libraría Lila de Lilith), Sardinha sem lata, con Vicente Sardinha (sábado 9, ás 13:00 h, na Libraría Couceiro); e Abitar el herror, con Raúl Guridi (sábado 9, ás 20:00 h, na Libraría Couceiro).

Entre as actividades paralelas, Gemma Sesar destacou o concerto de Los Fabulosos Weekend, que se celebrará o xoves, ás 21:30 horas, na Sala Capitol,; e A Tapa Ilustrada, un encontro para compartir, debuxar e cear no Mercado La Galiciana (venres 8 ás 21:30 h).

Ademais, esta edición do Encontro servirá de marco para a entrega do II Premio Compostela Ilustrada. O galardón está dotado con 300 euros e patrocinado polo Café Casino. Será neste establecemento onde se entregue o premio (domingo 10 ás 10:00 h) e onde se reúnan os/as participantes na gran quedada para debuxar no parque de San Domingos de Bonaval (se chove no CGAC) coa que se pechará Compostela Ilustrada.

Finalmente, Gemma Sesar salientou dúas colaboracións desta edición. Unha delas será co IES Rosalía de Castro, onde dous ilustradores - Federico Granell e Vicente Sardinha- darán clase aos alumnos e alumnas del centro. Tamén Ana Grasset dará una charla sobre a súa experiencia na acción feminista Camiño do Norte. Visións contemporáneas.

Compostela Ilustrada chegará tamén á Aula Hospitalaria do Clínico. Alí, Joaquín González Dorao e Ana Luisa Frazao impartirán clases de debuxo ás nenas e nenos ingresados.

Direcciones relacionadas



Compartir: