XUNTA DE GOBERNO

O novo prego do contrato da auga estará ligado aos investimentos necesarios nas redes rural e urbana

04/11/2019 A Xunta de Goberno Local deste luns aprobou a composición da Comisión da auga para o control da execución do contrato de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas. Este órgano, presidido pola concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, supervisará o contrato actual (xa extinguido na súa duración) e os pregos do novo contrato.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que o actual contrato de xestión do servizo está finalizado dende maio, polo que agora vén funcionando como unha encarga de xestión. A Comisión, dixo, "supervisará o contrato a día de hoxe, preparará a liquidación do mesmo e intervirá nos pregos do novo concurso".

O rexedor agarda que este novo concurso se poida convocar no primeiro trimestre de 2020. Recordou que a redacción dos pregos está pendente dun informe de situación da rede de auga e das súas necesidades de investimento, que espera poida ser entregado antes de final de ano.

Sánchez Bugallo resaltou a importancia deste estudo, porque "o prego ten que ir ligado a eses investimentos e a unhas prioridades". Estas pasan por estender a rede no rural e por renovar as canalizacións antigas na cidade. "Isto vai requirir dun investimento moi grande, que previsiblemente non estaremos en condicións orzamentarias de asumir", explicou o alcalde, que cifrou este presuposto necesario en "non menos de 50 millóns de euros". De aí que, insistiu, "os pregos deban ir ligados ao investimento e a un prazo de amortización do investimento.

Urbanismo
En materia de urbanismo, a Xunta de Goberno acordou o alleamento da participación municipal (59,95%) na parcela denominada Quinteiro (mazá) 2 do SUP-1 Romero Donallo, a favor da empresa Santiago Sur Galicia, SL, por un importe de 2.542.528,76 euros (sen IVE), ao ser a única oferta presentada e cumprir os requisitos dos pregos de aplicación. Deberá facer o ingreso desta cantidade máis IVE no prazo de dez días a partir do seguinte ao da notificación deste acordo.

Emprego
Outro dos acordos foi a aceptación dunha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero. A achega, de 248.034,24 euros, permitirá a contratación de 11 traballadoras.

Mocidade
A proposta da concelleira de Mocidade, aprobouse o gasto e iniciouse o procedemento de contratación do servizo de xestión e programación de actividades do Centro Xove de Creación Cultural e locais municipais de música para a xuventude de Compostela, situados na Almáciga. O tipo de licitación é de 117.650,66 euros/ano máis IVE segundo o seguinte reparto: 11.863,11 euros para 2019, 142.357,30 euros para 2020 e 130.494,19 euros para 2021.

Botellón
Preguntado na rolda de prensa polos botellóns do pasado 31 de outubro, o alcalde indicou que é un problema que "non ten fácil solución", porque "a día de hoxe non temos os recursos humanos necesarios para facer fronte a situacións deste tipo". Neste sentido, referiuse á escaseza de efectivos policiais e á imposibilidade, por sentenza xudicial, de asignar horas extras obrigatorias. En calquera caso, recoñeceu que "o cadro de persoal dese día era insuficiente" e pediu "desculpas ás familias que viven no entorno".

Documentos relacionados



Compartir: