ACCIÓN CULTURAL

A mostra "Invisible Wom@rts" presenta no Auditorio de Galicia as creacións de 32 artistas europeas

29/10/2019 Do 30 de outubro ao 15 de decembro, a Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia convértese en sede da exposición itinerante do proxecto europeo Wom@rts. Tras o seu paso por Maribor (Eslovenia) e Vilnius (Lituania), a mostra Invisible Wom@rts arriba a Compostela para presentar os traballos de 32 artistas europeas que dialogan sobre O segundo sexo, de Simone de Beauvoir, no 70 aniversario da súa publicación.

A inauguración da exposición, este mércores ás 20.30 horas, contará coa presenza do alcalde de Santiago e presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, Xosé Sánchez Bugallo; da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López e de varias das autoras das pezas.

Ás portas da exhibición, e dende as 19:00 horas, a deseñadora compostelá Uqui Permui conducirá unha conversa aberta co público na que intervirán as artistas Shelagh Honan (Irlanda), Korina Hunjak (Croacia), Melinda Kostelac (Croacia), Ana Pecar (Eslovenia) e as creadoras galegas Haya Blanco, Teresa Búa e Mery Pais. Tanto a participación na conversa como a visita á exposición son de acceso libre ata completar aforo.

Wom@rts é un proxecto cooperativo de longa duración e sen ánimo de lucro que conta con financiamento do Programa Europa Creativa da Unión Europea. Dende unha perspectiva interdisciplinaria e intersectorial, procura unha presenza igualitaria das mulleres nas artes e busca favorecer a súa visibilidade, promoción e acceso aos mercados. Liderado polo Auditorio de Galicia, o proxecto congrega numerosas institución públicas e privadas como a Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés, a rede finesa WIFT (Women in Film & Television Finland), o Concello da cidade de Vilnius (Lituania), o Centro Audiovisual Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême (Francia), o Instituto de Tecnoloxía de Limerick (Irlanda), o Hay Festival (Reino Unido), a Academia de Artes Aplicadas da Universidade de Rijeka (Croacia) e a galería UGM en Maribor (Eslovenia).

Entre as actividades centrais do proxecto, destácase esta mostra itinerante que reúne máis de 50 traballos realizados durante as residencias artísticas desenvolvidas ao longo de 2018 en tres cidades europeas e arredor de tres eixos de creación: novas artes dixitais, fotografía e vídeo, na localidade asturiana de Avilés; ilustración e banda deseñada, na vila francesa de Angoulême; e gravado e estampación, na cidade irlandesa de Limerick. A obra O segundo sexo, de Simone de Beauvoir, serve de detonante e fío condutor desta exposición a cabalo entre disciplinas e países, na que cada artista parte dunha realidade cultural e xeracional propia para preguntarse sobre as representacións, comportamentos e normas culturais vencelladas ao ser muller e que procura facer visible o seu posicionamento crítico no discurso artístico.

Así, entre as creadoras dixitais topamos a Ana Pecar (Eslovenia), Cristina Busto Alvarez (Avilés), Hanne Larsen (Noruega), Lorraine Neeson (Irlanda), María Castellanos (Xixón), Marija Stonyte (Lituania), Martta Tuomaala (Finlandia), Mery Pais (Santiago de Compostela), Petra Mrša (Croacia), Shelagh Honan (Irlanda), Stéphanie Cadoret (Francia) e Teresa Búa (Muxía).

Dende o ámbito da ilustración e a banda deseñada chegan os traballos de Akvile Magicdust (Lituania), Fionnualla Doran (Irlanda), Korina Hunjak (Croacia), Maura McHugh (Irlanda), Merieme Mesfioui (Francia), Nanu González (Oviedo), Raquel Lagartos (Oviedo), Samira Kentric (Eslovenia), Scotty Hervouet (Francia) e Xulia Vicente (Cariño).

Finalmente, entre as artistas gravadoras e estampadoras, damos con Aoiffe Barret (Irlanda), Audrey Potrat (Francia); Fernanda Álvarez Jimenez (México), Haya Blanco (Santiago de Compostela), Jo Kelley (Reino Unido), Louise Mendoche (Francia), Marta Fermín (Oviedo), Melinda Kostelac (Croacia), Mina Fina (Eslovenia) e Neringa Žukauskaité (Lituania).

Santiago de Compostela é a terceira parada desta exposición, que seguirá a percorrer Europa en 2020. Durante os meses de novembro e decembro, a cidade acollerá tamén outras actividades do Wom@rts, entre as que se inclúen encontros con artistas, sesións especiais do festival Cineuropa e concertos.

Compartir: