ALCALDÍA

Sánchez Bugallo asiste á presentación da nova Xunta local da AECC de Santiago

29/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo asistiu á presentación da nova directiva da Asociación Española Contra o Cancro de Santiago. Francisco Pais substitúe a ata agora presidenta, Luz María Hernández.

O rexedor destacou os avances médicos na atención aos pacientes con cancro, e tamén o cambio de visión da sociedade respecto á enfermidade. Mudou, dixo, "dun xeito positivo, a implicación social cos enfermos de cancro e o apoio ás familias", a través de asociacións como a AECC. Sánchez Bugallo rematou a súa intervención felicitando a directiva saínte polo seu labor, e desexándolle sorte á nova Xunta Local.

Foi, sobre todo, un acto informativo, no que tamén se despediu á directiva saínte; presentouse a nova sede da entidade en Santiago, que se abrirá proximamente nun local de 150 metros cadrados na avenida de Barcelona; e informouse dos obxectivos da Asociación para o vindeiro ano.

Ademais do alcalde, á presentación asistiron a concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro: Alejandro Sánchez-Brunete, do Grupo Popular; Martiño Noriega, de Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín, voceira do BNG local.

O evento, no que tamén estivo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pechouse cunha mesa redonda sobre "Os desafíos do cancro".

Compartir: