PARQUES E XARDÍNS

O Centro de Interpretación de Parques e Xardíns programa novas xornadas de biodiversidade espontánea

29/10/2019 O Centro de Interpretación de Parques e Xardíns (CIPX) desenvolve dende hai máis de dez anos un interesante programa de actividades de sensibilización ambiental para os centros educativos, así como charlas, xornadas, exposicións e obradoiros para toda a cidadanía. Nesta ocasión, durante todo o curso escolar 2019-2020, realizará co alumnado xornadas sobre a biodiversidade espontánea, nas que se porá en valor a importancia dos espazos residuais e a terceira paisaxe na biodiversidade da nosa cidade.

Esta actividade, que xa comezou a desenvolverse na pasada primavera, espertou grande interese entre o profesorado, xa que abrangue temáticas sobre o medio natural que despois pódense elaborar na aula e incorporar ao currículo escolar das materias relacionadas coas Ciencias Naturais. De aí que se retomen estas xornadas, que comezan cunha charla divulgativa onde se explica a biodiversidade espontánea e a importancia da implantación de herbas silvestres, musgos e liques neste tipo de espazos. Posteriormente trabállase cunha guía de campo para a identificación das especies presentes nas pradarías e muros da contorna do CIPX no parque de Belvís.

Pódese elixir entre dúas opcións para o obradoiro final: as bombas de sementes ou o hotel para insectos. A bomba de sementes consiste nunha técnica de reforestación a partir de sementes recubertas con barro e arxila, que poden lanzarse para rexenerar terreos naturais de difícil acceso.

A opción que máis interese está a ter é a do hotel de insectos, construíndo un refuxio para a fauna presente nos espazos de natureza espontánea, beneficiosa en moitos aspectos como a polinización das flores e a produción de sementes e froitos (abellas, avespas, moscas ou abellóns), descompoñedores de materia orgánica (vacalouras, bichos bóla) ou o control de pragas (xoaniñas ou cadelas de frade).

A biodiversidade espontánea
Os parques e xardíns urbanos son espazos idealizados de natureza, onde todo está ordenado e humanizado; fronte a isto, os espazos de natureza espontánea xorden de forma espontánea en terreos residuais do desenvolvemento urbano. Acubillan especies pioneiras en ciclos rápidos, tanto de flora natural autóctona como plantas exóticas, en evolución polas necesidades de adaptación ao medio. A fauna, herbas silvestres, musgos ou liques destes espazos forman ecosistemas, polo que son pequenos refuxios naturais espontáneos dentro da trama urbana da cidade.

Inscricións e información
Estas xornadas están dirixidas a alumnado de 2º a 6º de Educación Primaria dos centros educativos da cidade. Son os/as docentes os/as encargados/as de contactar cos/coas educadores/as ambientais do CIPX para reservar unha data, na que a actividade se desenvolverá de 10:00 a 13:30 horas.

A xornada sobre a biodiversidade espontánea está organizada polo Concello de Santiago de Compostela e xestionada por Ferrovial Servicios, polo que é gratuíta e inclúe o transporte en autobús dende o centro educativo até o parque de Belvís, de ser necesario.

De momento, o Centro de Interpretación de Parques e Xardíns xa ten reservadas once xornadas de biodiversidade espontánea até final de curso, realizadas polos/as docentes de catro centros educativos da cidade.

As solicitudes poden realizarse ao longo de todo o ano académico. Para a inscrición neste obradoiro, así como para resolver calquera dúbida, pódese escribir a ilopez@ferrovial.com ou consultar a web de Compostela Verde.

Direcciones relacionadas



Compartir: