TURISMO

Santiago acolle a reunión de lanzamento do proxecto europeo Bodah

29/10/2019 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, inaugurou no Auditorio de Galicia a primeira reunión do Big e Open Data para o desenvolvemento de novos procesos cara a xestión do patrimonio atlántico (Bodah), proxecto europeo liderado por Turismo de Santiago no que participan oito entidades de España, Portugal, Francia, Irlanda, Escocia e Gales.

O proxecto Bodah ten coma obxectivo fortalecer un modelo desenvolvemento sostible do turismo, dos fluxos de cidadáns e a redistribución dos seus impactos grazas ao uso de datos e de tecnoloxías intelixentes. No Bodah desenvolveranse novas ferramentas e solucións en liña cos cambios actuais do sector e integrando características propias dos destinos turísticos intelixentes.

En concreto, o Bodah ten por finalidade desenvolver ferramentas de xestión baseadas no uso de datos e das novas tecnoloxías que permitan conciliar os intereses da poboación local e dos visitantes e turistas nas cidades con centros históricos ou espazos de particular interese cultural ou patrimonial.

No proxecto Bodah participan Turismo de Santiago, Fundación Santa María La Real del Patrimonio Histórico, Fomento San Sebastián, Universidade Nova de Lisboa, Université de Pau et des Pays de l’Adour, Cork Institute of Technology, Glasgow Caledonian University e a Bangor University. O proxecto rematará en decembro do 2021.

O proxecto Bodah enmárcase no INTERREG Espazo Atlántico, un programa de financiación europeo que promove a cooperación transnacional en 36 rexións atlánticas de cinco países europeos. O programa cofinancia proxectos de cooperación nos campos da innovación e competitividade, eficiencia dos recursos, xestión de riscos territoriais e biodiversidade e patrimonio natural e cultural.

Compartir: