ALCALDÍA

Xunta e Concello de Santiago reforzarán o servizo de Protección Civil de cara ao Ano Santo 2021

24/10/2019 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, mantiveron hoxe un encontro no que un dos principais asuntos abordados foi a celebración do Ano Santo 2021, de cara ao cal se comprometeron a reforzar o servizo de Protección Civil e Emerxencias. Así mesmo, renovaron o seu compromiso coa comarcalización do parque de bombeiros.

Concretamente, ambos dirixentes acordaron que técnicos da Xunta de Galicia e do Concello elaborarán unha análise das necesidades actuais en materia de Protección Civil, para a continuación proceder a asinar un convenio de colaboración para facer fronte a esas necesidades e que o servizo estea plenamente reforzado e operativo dende o día 1 de xaneiro de 2021 e ao longo de todo o Ano Santo.

Tamén en materia de emerxencias, Rueda e Bugallo renovaron a súa vontade e o seu compromiso de abordar a comarcalización do parque de bombeiros. Ambos dirixentes apostaron por sumar esforzos para levar a cabo esta medida e avanzaron que se dirixirán ao resto dos concellos da comarca e á Deputación da Coruña para constatar que tamén están pola labor e reactivar o proxecto.

Compartir: