TURISMO E MERCADOS

Compostela acolle a quinta edición do salón de vehículos de ocasión

24/10/2019 Do 25 ao 27 de outubro celebrarase no Recinto Feiral este evento, que chega á súa quinta edición e que congrega á meirande parte dos concesionarios e oficiais e as compravendas máis relevantes de Santiago e comarca. Presentouno en rolda de prensa o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, xunto co organizador, Fabián Saavedra, e Mónica Cañoto, en representación do Recinto feiral.

O salón desenvolverase no Recinto feiral de Amio, o que permitirá que nun só punto se poida encontrar o vehículo ideal para cada persoa entre máis de 700 turismos e vehículos comerciais que traerán os preto de 20 expositores, formando 16.000 metros cadrados de exposición.

Segundo salientou o concelleiro de Turismo, "para o Concello sempre é de interese apoiar iniciativas como esta, que potencian un sector importante como é o automobilístico, e que constitúen ademais un foco de atracción de visitantes fóra da temporada alta".

Pola súa banda, o organizador do evento, Fabián Saavedra, da empresa Dolecer Eventos, destacou o calibre do mesmo e a súa intención de converter Compostela na Capital do Automóbil. Non en vano "é un sector vital na cidade, onde están presentes prácticamente todas as marcas", que fan medrar ao seu redor outras industrias como a do recambio de pezas, os talleres mecánicos, etc.

Saavedra espera que esta edición sexa tan exitosa como a anterior, celebrada en maio, na que a feira contou con máis de 4000 visitantes e na que se venderon arredor de 250 vehículos.

A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os rapaces e rapazas ata os 13 anos. O horario será de 10:30 a 20:00 horas tanto o venres 25 coma o sábado 26 e o domingo 27 de outubro.

Compartir: