FACENDA

Aprobada en Xunta de Goberno a proposta de ordenanzas fiscais, que busca impulsar o tecido industrial e o emprego de calidade

18/10/2019 A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, presentou a proposta de modificación das ordenanzas fiscais aprobada hoxe en Xunta de Goberno extraordinaria. Do paquete de modificacións aprobadas, Marta Abal destacou a bonificación de ata o 95% que se introduce nas ordenanzas reguladoras do IBI, do IAE e do ICIO, para a implantación de novas empresas en Santiago e para a ampliación das existentes. Unhas bonificacións ligadas, sinalou "á creación de emprego indefinido e de calidade". A proposta irá agora á Comisión informativa de Facenda e posteriormente, será tratada en Pleno.

Marta Abal explicou que o período de carencia destas bonificacións no IBI e no IAE será de 3 anos. Pero, "pola importancia estratéxica para o desenvolvemento industrial de Compostela, as bonificacións que se contemplan para as novas empresas dos sectores da biotecnoloxía e da madeira son máis vantaxosas, de xeito que o período de carencia das bonificacións no IBI e no IEAE será de 5 anos", engadiu. E reiterou que ditas bonificacións son consecuencia do compromiso do goberno municipal coa implantación de novas actividades económicas, en particular dos sectores das biotecnoloxía e da madeira, e das novas tecnoloxías; que xeren emprego indefinido e de calidade.

Durante a comparecencia Marta Abal agradeceu "a achega dos diferentes grupos municipais que dun ou doutro xeito contribuíron a enriquecer o texto final proposto".

IBI
No que respecta ao IBI (Imposto de Bens Inmobles) proponse a modificación do tipo de gravame aplicable aos bens de natureza rústica, que pasa do 0,51% actual ao 0,48%, o que representará uns 76.000 euros menos para as arcas municipais. Compensaranse co incremento nos bens de natureza urbana non residencial, que pasa do 0,54% ao 0,55%, o que suporá uns 114.000 euros máis. O obxectivo, segundo explicou Marta Abal, é redistribuír a presión fiscal en beneficio dos inmobles de natureza rústica.

No IBI urbano incorpórase unha bonificación, de ata o 95%, para os inmobles titularidade de corporacións de dereito público nos que se desenvolvan actividades económicas que contribúan á defensa, apoio ou fomento do comercio, da industria, dos servizos e a navegación. Unha vez máis, subliñou a concelleira, "estamos ante unha clara aposta do goberno co tecido comercial e industrial do concello de Santiago de Compostela".

IAE
No IAE (Imposto de Actividades Económicas) modifícase a porcentaxe de bonificacións para impulsar a xeración de emprego indefinido, incrementándoas do 15%, 30% e 45% ata o 20%, 35% e 50% respectivamente. Tamén se introduce unha bonificación nova do 50% para aquelas empresas que, situadas en solo de polígono industrial, empreguen e produzan enerxías renovables e conten cun plan de transporte colectivo e compartido.

ICIO
No ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) increméntanse as porcentaxes das bonificacións para fomentar a construción de vivendas de protección autonómica, que pasan do 30% ao 50%; e as porcentaxes de bonificacións para fomentar o acondicionamento e adaptación das construcións existentes para o acceso e habitabilidade das persoas con discapacidade. Neste caso a porcentaxe actual do 50 por cento pasado ao 75%.

Axustes
As ordenanzas fiscais presentadas tamén propoñen outros axustes das normas de xestión tributaria co obxecto de incrementar a seguridade xurídica e a simplificación administrativa.

Por exemplo, en varias ordenanzas proponse que o órgano competente para a concesión dos beneficios fiscais sexa a concellaría delegada de Facenda en lugar da Xunta de Goberno Local. O feito de ter que someter o expediente á decisión dun órgano colexiado como a Xunta de Goberno Local ocasiona demora na tramitación administrativa e carga adicional no traballo do persoal municipal, co conseguinte prexuízo para a cidadanía. Desta modificación exceptúanse os beneficios fiscais nos que a normativa vixente lle asigna a competencia ao Pleno para a declaración do interese e utilidade. Neste caso corresponderalle ao pleno a culminación do expediente, coa correspondente concesión ou denegación da bonificación.

Outro exemplo é a ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección de tributos. Segundo explicou Marta Abal, no relativo ás garantías esixidas nas solicitudes de aprazamento e fraccionamento, e para facilitar o pagamento aos contribuíntes que teñen vontade de pago pero atopan dificultades para obter un aval bancario, increméntanse os importes dos tramos de débeda a partires dos cales é necesario presentar garantía e redúcese o número de entidades bancarias de tres a dúas para xustificar a imposibilidade de obter aval. Tamén coa finalidade de axilizar os procesos de xestión recaudatoria, increméntase o importe de 300 a 900 euros para a declaración de créditos incobrables sen necesidade de acudir a rexistros públicos.

Na ordenanza reguladora dos bens inmobles proponse a implantación dun sistema de comunicación de alteracións catastrais. Deste xeito, a obriga que tiña o contribuínte de comunicar ao Catastro ditas alteracións desaparece, recaendo agora na administración local.
E na ordenanza reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica elimínase na tramitación de beneficios fiscais a esixencia de que os interesados deben presentar documentos para acreditar datos aos que ten acceso o Concello, e amplíanse as opcións de acreditación da discapacidade en base á regulación autonómica.

Por último, na ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalías), no relativo ás bonificacións por causa de morte, proponse incluír a referencia aos pactos sucesorios en aplicación da doutrina e xurisprudencia consolidadas, que os cualifica como negocio xurídico mortis causa a título lucrativo.

Compartir: