ALCALDÍA

Sánchez Bugallo asiste á entrega do I Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía

15/10/2019 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu á entrega do I Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía ao doutor Diego López, do CHUS, por un estudo sobre a amiloidose cardíaca. No seu discurso, o rexedor sinalou que "é un orgullo que se premie un proxecto creado en Compostela. A miña noraboa ao Doutor Diego López e ao seu equipo".

Sánchez Bugallo tamén apostou por xerar novas oportunidades de emprego para os xóvenes. "Temos que ser capaces", engadiu, "de desenvolver unha economía sólida: con financiamento externo, con talento, con novos proxectos, co desenvolvemento de novas tecnoloxías; con formación e con innovación". Nese obxectivo, sinalou, Concello e Universidade deben camiñar xuntos.

Destacou ademais, a importancia da innovación e o emprendemento, dous dos piares dixo, "nos que se asenta unha economía competitiva"; para, a continuación, resaltar a figura de Ramiro Carregal "pola súa capacidade de traballo, polo seu espírito emprendedor e pola aposta constante pola innovación".

O traballo presentado polo doutor Diego López e o seu equipo céntrase en coñecer o impacto prognóstico, en termos de mortandade e regresión, da causa que produce a amiloidose cardíaca sobre os pacientes con estenose aórtica severa aos que se lle implanta unha prótese aórtica percutánea ou TAVI.

A amiloidose é un grupo de é un grupo de enfermidades nas cales hai unha acumulación de proteínas chamadas amiloides nos tecidos corporais. Co tempo, estas proteínas substitúen o tecido normal. No caso da amiloidose cardíaca, ou síndrome de corazón ríxido, ocorre cando os depósitos de proteínas toman o lugar do músculo cardíaco normal. Isto pode levar a que se presenten ritmos cardíacos anormais (arritmias) e bloqueos cardíacos. No caso da estenose aórtica, prodúcese cando a válvula aórtica do corazón se estreita e impide que se abra por completo, o que obstrúe o fluxo sanguíneno do corazón e da arteria aorta cara o resto do organismo.

O "I Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía" está dotado con 20.000 euros. Está impulsado polo empresario e mecenas, Ramiro Carregal Rey, propietario da conserveira Frinsa (Frigoríficos del Noroeste).

Ademais do alcalde de Santiago e de Ramiro Carregal, no acto interviron José Ramón González Juanatey, xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS; Eloína Núñez Masid, xerente da Área de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e Barbanza; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Compartir: