CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC de Conxo acolle unha nova edición das súas Xornadas Micolóxicas os días 18 e 19 de outubro

08/10/2019 Chegan un outono máis as Xornadas Micolóxicas do Centro Sociocultural de Conxo, que este ano se celebrarán o venres 18 e o sábado 19 de outubro. Haberá dúas conferencias e a tradicional ruta para a recollida de cogomelos.

Hai xa anos que o Centro Sociocultural de Conxo iniciou as súas Xornadas Micolóxicas xunto cun afeccionados e micólogos próximos ao barrio. Durante estas edicións constatouse o crecente interese pola micoloxía, polo que o CSC quere seguir informando sobre a función que os fungos cumpren na natureza para a súa posta en valor. Para iso cóntase coa colaboración da Asociación Micolóxica Pan de Raposo, que vén colaborando dende hai tempo neste proxecto.

Nesta edición contarase con dúas conferencias. Unha é a xa tradicional de iniciación á micoloxía, para que aquela xente que non coñeza este mundo teña oportunidade de facelo. Da charla, o venres 18 ás 20:30 horas, encargarase José Manuel Castro Marcote, micólogo da Asociación Micolóxica Pan de Raposo. É licenciado en Ciencias Químicas e Farmacia pola Universidade de Santiago, e formou parte do Comité Científico do IV Encontro Internacional de Micoloxía do Atlántico (Valença do Miño 2007), do V e VII Congreso de Micoloxía do Atlántico (Ferrol 2009 e Lugo 2013) e das Jornades Micologiques Internacionals d’Esplugues (2008, 2010, 2012, 2014). É autor e coautor de diversos libros e guías de referencia sobre cogomelos en Galicia e no litoral atlántico, así como colaborador de micoloxía en varias revistas de Galicia, Madrid e Cataluña.

O sábado 19, ás 10:30 horas, sairá unha ruta micolóxica por Conxo da man de José María Costa Lago, historiador afeccionado á micoloxía, especialista en etnomicoloxía, e avezado micólogo de campo, que ten desenvolvido en Conxo un gran traballo na divulgación e achegamento á micoloxía. Na ruta por Conxo percorreranse hábitats diferentes co obxectivo de achegarse á micoloxía dende a observación e análise do medio. Estudaranse especies diferentes e levaranse para a súa exposición, observación e estudo á tarde no Centro Sociocultural de Conxo, onde despois de identificar e falar sobre elas, este autor impartirá unha conferencia sobre os cogomelos da parroquia da Gándara (Oroso).

Compartir: