ALCALDÍA

Unha placa no parque das Ciencias Isidro Parga recordará o labor investigador do químico Tomás Batuecas

07/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo,e a neta de Tomás Batuecas, Alicia Batuecas Suárez, descubriron, no parque das Ciencias Isidro Parga, unha placa na honra do químico, con motivo da celebración do Día da Ciencia en Galicia.

Durante o acto, o alcalde sinalou que a Tomás Batuecas "lle tocou vivir unha época terrible", pero que a pesar da falta de medios e do illamento do país, "foi unha referencia mundial nun tema tan complicado como o peso atómico". Cualificouno de xenio e "asómbrame, dixo, "como un investigador como el, en circunstancias difíciles, puido brillar con luz propia".

A neta de máis idade de Tomás Batuecas, Alicia Batuecas Suárez, destacou o merecemento desta homenaxe "pola importancia do seu labor investigador", e engadiu que "despois de tantos anos, é moi emocionante comprobar que a cidade e a USC o recordan".

Tomás Batuecas Marugán naceu na provincia de Cáceres en 1893 e faleceu en Santiago, cidade na que desenvolveu o seu labor investigador, en 1972. Catedrático de Química-Física e vicerreitor da USC, destaca o seu papel na adopción da escala internacional de pesos atómicos.

Ao acto tamén asistiron a concelleira de Educación, Noa Díaz; e os edís María Antón e José Antonio Constenla, do PP; Branca Novoneyra, de Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín, do BNG.

Compartir: