ALCALDÍA

O Goberno local reactivará o Consello Municipal de Persoas Maiores

04/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse este venres coa presidenta da Asociación de Pensionistas de Santiago, Manuela Fraguela, e con outros/as integrantes da directiva. O rexedor comunicoulles a súa intención de reactivar o Consello Municipal de Persoas Maiores e de estudar políticas concretas de apoio ao colectivo.

Sánchez Bugallo comunicoulle á Asociación a decisión de levar ao Pleno a constitución do Consello Municipal das Persoas Maiores, disolto no 2012. Estudarase "se é necesario crear un novo Consello ou reactivar o antigo", apuntou o alcalde.

Tamén lles anunciou a creación dun grupo de traballo específico para estudar a situación das persoas maiores, un colectivo que, dixo, en Santiago constitúen "máis de 20.000 persoas, moitas delas vivindo soas e, moitas destas, maiores de 80 anos. Neste sentido, o alcalde deu conta da existencia dun estudio elaborado polo anterior Goberno que quere analizar. O obxectivo, dixo, é formular "políticas de apoio concretas" para o colectivo de persoas maiores en materias como "seguridade, información, tramitación ou atención".

Compartir: