DEPORTES

Compostela acolle este domingo a XVIII edición da Camiñada ao Pedroso

02/10/2019 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, acompañada do presidente da sección de montaña do Club Deportivo Fontiñas, Iñaki Bilbao, e da coordinadora de Unicef Comité Galicia, Irene Marín, presentou este mércores a XVIII edición da Camiñada ao Pedroso, que se celebrara o vindeiro domingo, 6 de outubro, a partir das 10:00 horas. O diñeiro recadado irá para os programas de auga de Unicef.

A camiñada solidaria iniciarase na praza do Obradoiro. Tal como explicou Iñaki Bilbao, os/as participantes percorrerán primeiro un tramo urbano, pasando pola rúa do Franco, Alameda, Campus Sur e carballeira de San Lourenzo. A partir de alí seguirase o Sarela río arriba, pasando por Santa Isabel a través do paseo aberto polo Concello, e polo Muíño do Lermo ata o antigo curtidoiro, rehabilitado agora como centro de formación. Dende alí, os/as camiñantes afrontarán a subida pola aldea de Montes e por diferentes camiños ata o cume, onde se parará a repoñer forzas. Para finalizar, baixarase cara a Granxa do Xesto, onde rematará a andaina.

Inscrición aberta
O prazo de inscrición está aberto ata o venres 4 de outubro na sede de Unicef Comité Galicia en Santiago de Compostela (rúa de Galeras, 13 - 2º oficina 5) e no Club Deportivo Fontiñas (rúa de Varsovia, 4C – 4ºC). Tamén se pode facer o propio dia da Camiñada, de 9:30 a 9:55 horas, na praza do Obradoiro. O prezo é de 5 euros e os/as menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa adulta.

Todos aqueles que desexen colaborar pero non poidan acudir poden facer a súa inscrición fila cero, nos lugares indicados anteriormente, ou facendo un donativo na conta de Unicef: Abanca ES87 2080 5355 61 3040039021. Todos os fondos que se consigan destinaranse aos programas de Unicef de auga, hixiene e saneamento en máis de 100 países en desenvolvemento. Segundo indicou Irene Marín, a falta de acceso a auga potable e saneamento, as deficientes prácticas de hixiene e a defecación ao aire libre lideran as causas de mortalidade infantil, contribúen á desnutrición e son barreiras para a educación das nenas e os nenos.

Máis información nos teléfonos 913 788 604 (Unicef) e 981 577 928 (Club Deportivo Fontiñas).

Compartir: