XUNTA DE GOBERNO

Aberto o procedemento de adxudicación das obras da rúa de Clara Campoamor

01/10/2019 A Xunta de Goberno Local, nunha sesión extraordinaria, aprobou este martes o inicio do procedemento de contratación das obras de reurbanización da rúa de Clara Campoamor. O importe de licitación é de 1.563.864,94 euros (IVE incluído) e o prazo de execución de cinco meses. Esta obra está incluída no programa Edusi, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020.

Esta obra afectará a un tramo cunha lonxitude de 800 metros e parte dos terreos adxacentes, cunha superficie total aproximada de 19.000 metros cadrados. O proxecto contempla a introdución dun carril especializado destinado a buses e taxis, destinado a facilitar o acceso á futura estación de autobuses. Deste xeito, os autobuses e taxis entrarán pola avenida de Lugo, baixará polo carril exclusivo e sairán por ese mesmo carril, pero en dirección á glorieta de Pontepedriña. Tamén se construirá un carril bicil a carón das Brañas de Sar, de xeito que non se cruzará co tráfico viario.

Estes carrís estarán flanqueados a ambos lados por beirarrúas, que serán algo máis estreitas do lado paralelo ao carril bus e máis amplas no lado pegado ás Brañas de Sar. A circulación nos tres carrís para automóbiles estará limitada a 30 Km/h, o que facilitará a transición destes carrís de Clara Campoamor coa praza e zona de preferencia peonil que servirá para conectar o Ensanche co barrio de Pontepedriña.

Tal como anunciara o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, hai unhas semanas, o obxectivo do Goberno local é convocar o concurso na primeira quincena de decembro, para iniciar as obras en xaneiro e telas rematadas o 1 de agosto de 2020.

Documentos relacionados



Compartir: