ALCALDÍA

Este mes comezarán as obras de ampliación e renovación do Museo do Pobo Galego

18/09/2019 O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse esta mañá co presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, nun acto no que tamén estivo presente o Consello Reitor da entidade. Ao rematar o encontro, o rexedor indicou que "está previsto que este mesmo mes empecen as obras de ampliación e renovación do espazo museístico, unha vez peche a actual exposición e queden dispoñibles as salas". Afirmou que ten pendente un encontro co conselleiro de Cultura para "complementalo co proxecto museográfico".

A obra de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego está financiada polo Consorcio de Santiago, que investirá 2.735.901,56 euros. A ala sur do emblemático conxunto de San Domingos de Bonaval vaise adecuar para acoller novos espazos expositivos, oficinas e outros usos do Museo do Pobo Galego. A superficie útil resultante das obras é de, aproximadamente, 1.600 metros cadrados. A intervención vaise prolongar ata finais de 2020 e prevese que o novo espazo se inaugure de cara ao vindeiro Ano Santo 2021, unha vez completada a musealización do espazo.

Ademais da creación dun núcleo de comunicación vertical, intervirase nas fachadas desta ala sur do edificio. Melloraranse tamén as condicións térmicas, con especial atención ás cubertas, que se van someter a unha renovación completa. Na obra programada polo Consorcio de Santiago inclúese a limpeza e restauración da fachada do atrio da igrexa de Bonaval, as súas carpinterías e as súas reixas históricas.

Compartir: