ALCALDÍA E MOBILIDADE

Xincana ciclista para celebrar a Semana Europea da Mobilidade

18/09/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, saudaron os 50 nenos e nenas do CEIP López Ferreiro que participaron durante a mañá deste mércores na xincana organizada con motivo da Semana Europea da Mobilidade.

O Concello súmase á Semana Europea da Mobilidade, que se celebra do 16 ao 22 de setembro, cunha serie de actividades organizadas en colaboración con colectivos como Composcleta ou establecementos coma Decathlon. Unha desas accións é unha xincana ciclista, na que participarán uns 175 nenos e nenas de 6º de Primaria.

Este mércores foi a quenda dos/Das escolares do CEIP López Ferreiro, que foron andando dende o seu centro ás instalacións da Policía Local, onde se lles impartiu unha charla sobre mobilidade sostible e segura. Logo participaron nunha xincana ciclista disposta no Obradoiro e, ao mediodía, regresaron de novo andando ao seu colexio.

Mañá xoves será a quenda do CEIP Pío XII, con 75 alumnos/as e para o venres está prevista a participación dos colexios Raíña Fabiola e Vite, con 25 escolares cada un.

Máis actividades
A Semana da Mobilidade segue mañá xoves cunha exposición na Alameda de vehículos a gas natural comprimido, organizada pola empresa Nedgia. A mostra está dirixida fundamentalmente a profesionais do sector do transporte, como taxis, autoescolas ou empresas de reparto.

O programa de actividades complétase co Día da Bicicleta, que se celebrará o domingo 22 de setembro a partir das 10:00 horas. A esa hora comezarán as inscricións e o reparto de camisetas, e realizarase unha xincana e xogos para nenos/as e unha demostración de bicicletas. Ás 11:00 horas haberá unha batucada e, unha hora despois, arrincará a pedalada pola cidade, con dous percorridos, un de 4 e outro de 7 quilómetros, para que toda a veciñanza poida participar. A xornada pecharase co sorteo e entrega de agasallos aos/ás participantes.

Compartir: