IGUALDADE

Minuto de silencio pola última vítima mortal da violencia machista

18/09/2019 Só un día despois de saír ao Obradoiro para mostrar a repulsa aos tres asasinatos machistas de Valga, a praza volveu acoller un minuto de silencio, desta vez para condenar o asasinato este martes dunha muller en Madrid. Segundo as estatísticas oficiais, esta é a víctima mortal número 42 da violencia machista en 2019, e a 1.016 dende que comezaran os rexistros estatísticos en 2003.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e outros/as integrantes da Corporación participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo da muller asasinada. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: