XUNTA DE GOBERNO

O obradoiro "Santiago Sustentable" formará 16 alumnos/as en aplicacións con tecnoloxía web

16/09/2019 A Xunta de Goberno acordou este luns aceptar unha subvención autonómica para a realización dun novo obradoiro de emprego, no que participarán 16 alumnos/as. Ademais, o Goberno local deu o visto bo ao proxecto para a construción de pistas polideportivas e dun parque biosaudable na parroquia do Eixo.

Tal como explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a subvención concedida pola Xunta, por importe de 180.000 euros, permitirá a realización do obradoiro Santiago Sustentable . No mesmo participarán 16 alumnos/as traballadores/as, que se formarán na especialidade de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web. O obxectivo final é o deseño e construción dun portal temático da sustentabilidade e participación cidadá.

Espazos de lecer para O Eixo
Outro dos asuntos abordados pola Xunta de Goberno foi a aprobación do proxecto refundido para a construción de dúas pistas polideportivas multiúsos no lugar de Carregal e dun parque biosaudable no entorno da igrexa de Piñeiro, ambos na parroquia do Eixo. O orzamento é de 140.000 euros.

Expedientes sancionadores
O Goberno local tamén aprobou a modificación do contrato formalizado coa empresa SCI, para a incorporación ao mesmo das prestacións consistentes na colaboración na tramitación dos expedientes sancionadores derivados das infraccións en materia de medio ambiente e servizos comunitarios. Esta incorporación no supón variacións no importe do contrato, que conta cun gasto máximo para a anualidade 2019 de 676,566,66 euros. O contratista retribuirase cunha porcentaxe do 26,80% do importe de todos os cobros realizados en período voluntario de pagamento, segundo o disposto no devandito contrato.

Novo director da Área de Réxime Interior
Finalmente, acordouse o nomeamento de Juan Carlos Porrúa Pardal como novo director da Área de Réxime Interior. Tal como indicou o alcalde, en breve procederase tamén á elección do secretario da Xunta de Goberno Local e do xefe da Asesoría Xurídica.

Ordenanzas fiscais
Preguntado polas negociacións cos diferentes grupos municipais sobre as ordenanzas fiscais, Sánchez Bugallo indicou que "non temos previsto incrementar a carga fiscal", pero "de ningún modo nos podemos plantexar reducir os ingresos fiscais", porque "queremos ofertar un servizos públicos de calidade, que en moitos casos serán máis caros que ata agora". Neste sentido, puxo como exemplo os servizos de transporte público ou de recollida do lixo e limpeza viaria, que precisan renovar a súa flota de vehículos, ou o servizo de mantemento dos parques e xardíns. Por iso, insistiu en que "a marxe fiscal é inmensamente limitada".

O alcalde indicou que xa comezou a rolda de contactos cos grupos municipais sobre esta materia, e que, despois desta rolda de conversas, "veremos que e con quen temos posibilidades de avanzar e as marxes de negociación".

Regulación turística
Tamén a preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo mostrouse disposto a estudar calquera proposta relativa á taxa turística, pero reiterou a "dificultade" que ve nesta materia por tres cuestións "Temos que ter en conta que o 80% da xente son visitantes, nin turistas nin peregrinos; que Santiago é unha cidade de peregrinación; e que teño serias dúbidas de que o Concello teña capacidade legal para adoptar unilateralmente decisións nesa materia".

O que si ve necesario o alcalde, especialmente cara o Ano Santo 2021 é "unha ordenación do fluxo de persoas". Puxo como exemplo disto o control de accesos á Catedral posto en marcha en 2010. Tamén apostou pola regulación do tráfico de vehículos, e nese aspecto referiuse á necesidade de articular os aparcadoiros de borde e por en funcionamento os paneis informativos sobre os estacionamentos actualmente apagados por falta de mantemento.

Documentos relacionados



Compartir: