ALCALDÍA

O proxecto básico da futura intermodal será presentado a finais deste mes

13/09/2019 O proxecto básico da futura estación intermodal de Compostela será presentado este mes de setembro, segundo anunciou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, tras a xuntanza que mantivo este venres co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e os demais voceiros municipais. Logo, o rexedor e o delegado visitaron as obras realizadas por Adif na estación de ferrocarril de adecuación á chegada do AVE.

Sánchez Bugallo agradeceu a "permanente disposición a colaborar" do delegado do Goberno e valorou o seu anuncio respecto á presentación, a finais deste mes de setembro, do proxecto básico da futura estación intermodal. "O obxectivo é ter aprobado o proxecto definitivo antes de final de ano, e esa é a marxe que temos para resolver o tema da cláusula", afirmou en referencia á prerrogativa dos 3,5 millóns de pasaxeiros para iniciar a segunda fase das obras da intermodal.

Sobre esta cuestión, Javier Losada apuntou que o desexo do Goberno de España é que "Santiago teña a mellor estación intermodal". Por iso, amosouse convencido de que o alcalde atopará "receptividade" por parte do Executivo neste tema e "disposición ao diálogo" para lograr "o mellor proxecto" e a "mellor intermodalidade", en consonancia cos "requisitos e posibilidades desexados polo alcalde".

Mellora do firme no Periférico
Outro dos asuntos tratados na xuntanza foi o estado da calzada no Periférico. Neste sentido, o delegado do Goberno anunciou que este mesmo fin de semana comezarán as intervencións puntuais para mellorar o firme e a sinalización. Ademais, avanzou que se sacarán a licitación dúas obras, unha de mellora do pavimento no Periférico, de 241.000 euros, e outra de 242.000 para actuar na A-54.

Depuradora licitada en 2020
Na reunión tamén se falou da futura depuradora, coa comunicación por parte de Javier Losada de que este mes presentarán as súas ofertas as nove empresas seleccionadas no procedemento de diálogo competitivo. "Estudaremos os proxectos nos vindeiros meses para en 2020 ter unha decisión tomada e licitar a depuradora do século XXI para Santiago", apuntou.

Ademais, abordouse o futuro dos chamados "orbital" e "orbitaliño". Respecto ao primeiro, recordou que o Consello de Ministros aprobou a licitación e que agora o proxecto está no proceso de tramitación para adxudicar e poñer en marcha as obras. No caso do "orbitaliño", dixo, "estase redactando o proxecto para autorizar a licitación".

Máis efectivos de seguridade para o 2021
Sobre o Xacobeo 2021, o alcalde deu conta da intención de solicitar ao Estado a autorización dunha convocatoria extraordinaria de prazas para a Policía Local e os Bombeiros. Lembrou o rexedor que a taxa de reposición e o anticipo da idade de xubilación deixaron estes corpos con 117 e 30 efectivos, respectivamente, "cando hai dez anos eran 170 e 66". O delegado do Goberno recolleu esa preocupación e fixou a seguridade como "a prioridade número un" para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Compartir: