ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Normalidade no inicio do curso escolar en Santiago

11/09/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Noa Díaz, inauguraron o curso escolar 2019/2020 cunha visita ao CEIP Quiroga Palacios. Acompañados da directora do centro, Olga Raíces, percorreron varias aulas de primaria e infantil e achegáronse ata o novo parque de xogos. Tanto o rexedor como Noa Díaz destacaron a normalidade coa que comezaron as clases.

En Santiago de Compostela, o curso comeza con 9.498 escolares entre educación primaria, infantil e educación especial. Segundo a concelleira, "empezou sen maiores incidencias", a excepción do CEIP Raíña Fabiola, onde aínda non remataron as obras de rehabilitación integral. Noa Díaz explicou que "segundo as previsións da Consellería de Educación, as obras van durar un mes".

A concelleira agradeceu ao profesorado deste centro, á directiva e ás familias "a súa paciencia", cunha mención especial á conserxe e ao persoal do centro, que "fixeron un esforzo importante por deixar as instalacións nas mellores condicións posibles, co pouco tempo do que dispuxeron". Neste momento queda por rematar a fachada e cambiar toda a carpintería metálica. Será, explicou Noa Díaz, "en horario de tarde e irán por aulas, para que as clases poidan desenvolverse con normalidade"

En canto aos comedores escolares e ao servizo de madrugadores, sinalou que, segundo lle informaron esta mesma mañá, tamén comezaron con normalidade, e con cifras de usuarios similares ás do ano pasado.

Ampliación Quiroga Palacios
Durante a inauguración do curso escolar, o alcalde destacou como unha prioridade o estudio da ampliación do CEIP Quiroga Palacios. Un asunto, dixo, que lle trasladará "canto antes, á Consellería de Educación", e que responde ao incremento da demanda de prazas escolares de infantil e primaria na zona sur de Santiago, tanto no barrio de Conxo, como nos do Castiñeiriño e Pontepedriña. Este aumento, segundo Sánchez Bugallo, "seguirá nos próximos anos", debido aos novos polígonos de vivendas que se están construíndo e ás familias que se están instalando na zona.

A ampliación do CEIP Quiroga Palacios faríase nunha parcela de titularidade municipal. O rexedor explicou que "a metade xa se lle cedeu a Down Galicia", e que falará coa Consellería para destinar a outra parte a esa ampliación, na que habería que estudar "se se constrúen dous andares ou unha soa planta reforzada", por se no futuro hai que incorporar unha segunda. Quedaría outra parte da parcela, que segundo sinalou Sánchez Bugallo, "se podería acondicionar como aparcadoiro para uso dos veciños, dos usuarios do colexio e do profesorado".

Este ano empezan o curso no CEIP Quiroga Palacios case 490 alumnos/as, unha cifra similar a do ano pasado. A directora explicou que se habilitaron dúas aulas novas, porque "o ano pasado abriuse unha liña tres en infantil, e quedamos sen espazo". Entre as demandas de futuro, Olga Raíces citou a ampliación do comedor, unha necesidade que, segundo a concelleira Noa Díaz, "intentaremos solucionar incorporándolle unha de almacenaxe contigua, unha área de aparcamento e unha tarima para a biblioteca do centro".

Compartir: