XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a oficina técnica do Smartiago

26/08/2019 A Xunta de Goberno Local celebrada este luns adxudicou o servizo da oficia técnica do proxecto Smartiago, por un importe de 338.800 euros (IVE incluído). A primeira fase do programa Smartiago conta cun orzamento de case 6,2 millóns de euros, dos que 5 millóns proceden de fondos europeos (o 80% do total), mentres que Concello e Xunta completan os fondos cun 10% do total cada un. A duración desta primeira fase é de catro anos, entre 2017 e 2021.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta desta aprobación e tamén expresou a súa preocupación polo feito de que o Smartiago leve "dous anos de retrasos, e non é fácil nun plan de catro anos cubrir os dous anos de retraso". Así, apuntou que "o volume de actuacións executadas a día de hoxe é de aproximadamente 40.000 euros dos máis de 6 millóns".

En calquera caso, o rexedor comprometeu a "maior celeridade posible para executar "en dous anos e catro meses o 99,3% do Smartiago". Ademais, referiuse á posibilidade de solicitar unha prórroga. "En principio nos din que no é posible, pero imos intentar unha prórroga, cando menos, dun ano", aclarou.

Tamén en relación a este proxecto, adiantou que o Goberno local sacará a licitación en outubro a renovación dos elementos de control de accesibilidade á cidade histórica. Esta actuación permitirá substituír os actuais elementos e incorporar algún novo, como o previsto en Carretas.

Doazón de cadro
O Goberno local tamén deu o visto bo á doazón dun lenzo sobre óleo do retrato de Francisco Javier Vázquez Enríquez, quen fora alcalde de Santiago de Compostela entre novembro de 1934 e febreiro de 1936. O Concello xa conta tamén co retrato de Ánxel Casal, polo que "nos faltaría o de Raimundo López Pol, elixido alcalde nas eleccións de abril de 1931, para completar a lista dos alcaldes da Segunda República", apuntou Sánchez Bugallo, quen indicou que nos próximos días se porá en contacto coa familia do ex alcalde para buscar a fórmula para ter ese retrato.

O retrato de Francisco Javier Vázquez Enríquez foi pintado por Elvira Santiso. Acéptase a doazón do devandito cadro a cargo de María Concepción Vázquez de Benito, neta do ex alcalde. O acto formal de cesión realizarase mañá martes.

Liquidación de contrato
Noutra orde de cousas, acordouse a liquidación do contrato para a execución das obras de rexeneración do pavimento de calzada do eixo das rúas Ponte Marzán-Sandino-Cruceiro de Sar. Dáse traslado do informe de liquidación á empresa contratista, Asfalgal Técnicas Viarias, SL, á que se lle concede un prazo de 15 días hábiles para formular alegacións.

Outros asuntos
Ademais, a Xunta de Goberno iniciou o procedemento para adxudicar o servizo de desratización, cun tipo de licitación de 23.916,28 euros/ano + IVE, e iniciouse a tramitación para adxudicar varios cursos de formación dirixidos ao Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento.

Intermodal
A preguntas dos xornalistas sobre a intermodal, o alcalde quixo aclarar a cronoloxía prevista a día de hoxe. "A estación de autobuses estará rematada o ano que vén e a actuación provisional na estación de tren si vai estar para o 2021, pero esta non é a estación intermodal que necesitamos en Santiago e, para iso, o primeiro que temos que conseguir é levantar a condición dos 3,5 millóns de pasaxeiros, e logo que se complete o proxecto técnico da nova estación, para licitar e executar a obra. E supoñendo que o proxecto técnico estivera rematado en decembro, a obra habería que licitala no 2020 e é imposible que estea lista no 2021".

Comedores
Tamén preguntado polos comedores escolares, indicou que a suba de 90 céntimos por usuario "deriva estritamente do estudio económico recibido". En calquera caso, dixo, "isto sae a licitación e as empresas poden ofrecer melloras en calidade –que é o que esperamos que ofrezan- e en prezo". Reiterou que o obxectivo do prego é a "mellora da calidade" e indicou que a previsión é que o novo servizo poida entrar en funcionamento en xaneiro.

Documentos relacionados



Compartir: