SAÚDE

Recepción a tres membros de Alcer Alacante tras realizar o Camiño de Santiago para sensibilizar sobre a importancia da doazón de órganos

02/08/2019 O alcalde en funcións, Sindo Guinarte; a concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro; e os edís do Grupo Popular, María Antón; de Compostela Aberta, Rafael Peña; e do BNG, Navia Rivas, recibiron na praza do Obradoiro a representantes de Alcer, a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, e a tres dos seus membros, que hoxe remataron o Camiño de Santiago co obxectivo de sensibilizar e concienciar á cidadanía da importancia de doar órganos.

Toni Arques, Vicente Marcos e Miguel Ángel Marcos, saíron o pasado 21 de xullo de Alacante. Percorreron máis de mil quilómetros en bicicleta, cunha media de cen quilómetros diarios. Durante o camiño, realizaron unha intensa campaña de sensibilización sobre a doazón de órganos, co fin de seguir incrementando o número de doantes e seguir sendo un país de referencia a nivel mundial en taxa de doazón e transplantes.

Alcer
A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril está formada por un conxunto de entidades provinciais que teñen como obxectivo prestar atención psicosocial a este colectivo e aos seus familiares. Ademais da atención, asesoramento e intervención con persoas con enfermidade renal, entre os obxectivos das entidades Alcer tamén está a sensibilización á cidadanía sobre a doazón de órganos.

Compartir: