XUNTA DE GOBERNO

Visto bo á convocatoria de subvencións para as asociacións veciñais

29/07/2019 A Xunta de Goberno Local celebrada este luns aprobou as bases da convocatoria de subvencións ás asociacións veciñais sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante o exercicio 2019, por un importe total de 100.000 euros.

Estas axudas, cuxas bases se publicarán proximamente no BOP, establecen a concesión, en concorrencia competitiva, de axudas económicas ás asociacións veciñais do Concello de Santiago para o desenvolvemento de programas e actividades que favorezan a participación entre a veciñanza. Tamén son subvencionables os gastos de funcionamento necesarios para o cumprimento dos fins propios das asociacións e para o desenvolvemento das actividades obxecto de subvención.

Poderán optar a estas axudas as asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello que estean ao corrente nas súas obrigas coa Administración e que cumpran os requisitos marcados pola Lei de Subvencións.

Modificacións urbanísticas
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, tamén deu conta da remisión á Xunta de Galicia para o procedemento de avaliación ambiental das modificacións parciais dos solos urbanizables delimitados 17 e 18 (SUD-17 e SUD-18), promovidas por unha iniciativa privada. O obxectivo destes cambios é "axustar a ordenación dos polígonos á topografía do terreo, para reducir o seu impacto ambiental", explicou.

Tamén en materia urbanística, a Xunta de Goberno acordou iniciar expediente por incumprimento do contrato de execución de obras de mellora de mobilidade e accesibilidade ao barrio de Vista Alegre, fase I, dando audiencia ao contratista. Este incumprimento refírese á instalación dos colectores soterrados, que non están en funcionamento.

En relación a outro expediente, o aberto pola resolución do contrato de execución das obras de reparación da rúa Pedreira e anexas (POS 2015), acordouse dar un novo trámite de audiencia ao contratista, en cumprimento do ditame do Consello Consultivo de Galicia.

Medidores da calidade do aire
O Goberno local tamén aprobou a reprogramación do proxecto europeo TRAFAI, financiado polo programa europeo Connecting Europe Facility (CEF-Telecom), no sentido de transferir parte do orzamento do Concello neste proxecto (90.000 euros) á Universidade de Santiago, para que esta compre os sensores de calidade do aire de baixo custo que se colocarán na cidade e realice a instalación, mantemento e calibrado dos mesmos.

Pisos turísticos
A preguntas dos xornalistas sobre a ocupación hoteleira e a proliferación de pisos turísticos, o alcalde indicou que se trata dun "problema serio" e anuncio que "antes de final de ano agradamos ter lista unha normativa sobre esta materia", que conterá, dixo, "medidas razoables, pero restrictivas". Neste sentido, reiterou a necesidade de compatibilizar os pisos turísticos cos usos residencial e estudantil e cos hoteis.

Cifrou en máis de 1.000 os pisos turísticos que funcionan de xeito máis ou menos estable na cidade e insistiu na necesidade de "poñer orde" a este fenómeno e de esixir "controis máis estritos". Destas cuestións falou co conselleiro de Cultura e Turismo recentemente, segundo apuntou. Sobre as posibles limitacións que se puideran impoñer, citou como exemplo a de que os pisos turísticos "teñan que cumprir requisitos como o de recibir a conformidade das comunidades de propietarios".

Documentos relacionados



Compartir: