CONSORCIO

A Real Filharmonía ofrecerá un concerto no Apóstolo co poliinstrumentista galego Abraham Cupeiro

26/07/2019 A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo. A praza da Quintana acollerá un concerto da RFG xunto ao poliinstrumentista galego Abraham Cupeiro, o vindeiro martes, 30 de xullo, ás 22:00 horas. O músico ofrecerá varias pezas integradas no seu disco Os sons esquecidos, gravado coa RFG en 2016 para o selo discográfico Warner Classics. Os convites para as cadeiras xa están esgotados. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Galicia.

O poliinstrumentista natural de Sarria despregará sobre o escenario diversos instrumentos de vento antigos, esquecidos no tempo, de diferentes épocas e lugares, algúns deles de hai máis de 2.000 anos, que el mesmo recuperou e reconstruíu para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles. Destaca o caso do kárnix, unha trompeta celta da Idade de Ferro de tres metros de lonxitude, que rescatou hai uns anos grazas aos seus descubrimentos musicolóxicos e construíu guiándose pola imaxe dunha moeda romana. Tamén se poderá escoitar un instrumento ancestral na tradición galega, a corna, orixinaria da Idade de Pedra, que durante séculos empregaron os pastores en Galicia e na segunda metade do século XX xa estaba extinguida.

Os sons esquecidos é unha viaxe musical no tempo ao redor do mundo, unha busca das fontes orixinais, dando como resultado sons novos e sorprendentes. Así, no transcurso da actuación o público terá a oportunidade de escoitar unha selección de temas deste disco. Trátase de pezas como Oceanía, Tocata de cornas I e II, Armenia, Balea, Sereas, Costa Atlántica ou África.

Obras de Vaughan Williams e tangos de Astor Piazzola
Ademais, o concerto inclúe outras obras como English Folk Songs Suite, de Ralph Vaughan Williams. O público tamén poderá gozar coas Danzas romanesas de Béla Bartók, froito das súas viaxes por pobos de Hungría e Romanía, onde recolleu miles de melodías e cancións da súa música folclórica. E tamén soarán varias pezas do compositor arxentino Astor Piazzolla, en particular Oblivion, un dos seus máis belos tangos instrumentais, e Calle 92.

Compartir: