FESTAS

Leilía e Milladoiro, protagonistas musicais da xornada grande do Apóstolo

24/07/2019 As festas do Apóstolo viven o seu día grande, o 25 de xullo, con actividades durante toda a xornada. No eido musical destaca o concerto que Leilía e Milladoiro ofrecerán na praza da Quintana a partir das 22:00 horas. Unha hora despois, no Toural, tocará a banda galega The Soul Jacket.

Leilía trae a Compostela o seu espectáculo CantarELAS, co que celebran o seu 30 aniversario e no que agasallarán ao público cun repaso aos seus temas máis emblemáticos mesturándoos con algunhas novidades. Xunto a elas, estará no escenario da Quintana o grupo Milladoiro, que segue a xirar co seu último traballo, Atlántico, pero seguro que no seu concerto tampouco faltarán as súas composicións máis emblemáticas.

Outra proposta musical da xornada é o concerto de The Soul Jacket na praza do Toural a partir das 23:00 horas. A banda galega chega con novo traballo Plastic Jail, no que se atreven con novas influencias, pero sen abandonar as súas raíces rockeiras.

Outras propostas
O programa da xornada arrincará ben pronto, ás 9:30 horas, co acompañamento da Banda Municipal á comitiva do Padroado do Apóstolo dende a praza das Praterías. Despois da Ofrenda (10:30 h, na igrexa de San Martiño Pinario), volverá saír a comparsa dos cabezudos (12:30 horas, dende o Teatro Principal) para percorrer as rúas do Casco Histórico. Para entón tamén levará xa un tempo instalada a Romaría dos Libros na praza de Mazarelos.

Xa pola tarde, realizarase a tradicional ofrenda floral a Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval (17:45 h) e partirá outra visita guiada da man de Castelao (18:00 h, dende a estatua de Valle-Inclán na Alameda). O programa musical completarao a orquestra Ipanema na Alameda (22:30 h).

Compartir: