FESTAS

La Casa Azul e The Tune, propostas musicais deste martes no Apóstolo

22/07/2019 A programación deste martes nas festas do Apóstolo ten como protagonistas musicais a La Casa Azul e The Tune. Ademais, haberá sesión de contos para os/as máis pequenos/as e unha nova visita guiada da man de Castelao.

La Casa Azul chega a Compostela para presentar o seu novo álbum, La gran esfera, o primeiro en oito anos, se ben o grupo foi adiantando o disco dende o ano 2016, lanzando ata catro sinxelos. A banda de Guille Milkyway segue resultando difícil de clasificar, o que non lle impide contar con lexión de fans e unha referencia no pop indie español. A cita na praza da Quintana é as 22:00 horas.

Unha hora máis tarde, ás 23:00 horas, a praza do Toural acollerá o concerto de The Tune, unha banda coreana formada por cinco mulleres. A súa música está baseada na música tradicional e nómada coreana, pero reinterpretada dende unha perspectiva moi experimental.

O calendario festivo desta martes complétase ás 18:00 horas con O Paroleiro, unha sesión de contos de contos no parque de Bonaval (se chove, no Centro Sociocultural da Caramoniña), e cunha nova visita guiada da man de Castelao (18:00 horas, dende a estatua de Valle-Inclán na Alameda).

Compartir: