FESTAS

Luís Zahera animou ás compostelás e composteláns a gozar das festas do Apóstolo

19/07/2019 Luís Zahera abriu co seu pregón as festas do Apóstolo 2019. O actor compostelán repasou a súa vida en Compostela, dende a súa infancia, e como a cidade foi cambiando. Ademais, repasou a súa vida como actor, agora recoñecida cun Goya polo seu papel de reparto en El Reino.

O pregoeiro retornou á súa infancia no barrio de Estila, ás rúas de Santiago: "vós viñestes aquí a ver ao artista, ao compostelán premiado en Madrid. Pero antes de falar del gustaríame rebobinar para recordar a Compostela que coñecín na miña infancia. Un lugar que marcou o resto da miña vida".

Zahera lembrou durante o pregón o que fixo co Goya: "pois fixen o que dixen na noite que mo deron: leveillo á miña tía, que con 86 anos é quen máis o vai apreciar de toda a familia e a quen máis satisfacción lle vai producir".

Xa no seu papel de actor, referiuse a si mesmo como "un toleirán apaixonado pola súa profesión que consiste en vivir a vida dos outros e deixar a dun para a intimidade, para o anonimato e a escuridade". Non faltaron os ánimos para aquelas persoas que "queiran emprender o camiño da interpretación". Pero, engadiu, "non é doado, hai que perseverar".

Tamén agradeceu que o escolleran como pregoeiro ."Non podedes imaxinar o feliz que me fai poder dar a voz de saída dunhas festas do Apóstolo". Luís Zahera rematou o pregón convidando á cidadanía e aos visitantes a asistir ás celebracións: "a min éncheme de alegría que me veñades ver e que eu vos poida dicir estas parvadas que non teñen máis misión que seren levadas por este vento compostelán que traerá un trebón de bombas e de concertos. De carreiras e de festas. De manifestacións. De baile. De tradición e de música negra de raíz. Todo isto son as festas do Apóstolo e a min non me queda máis que animarvos a que as desfrutedes".

Sábado 20
A fin de semana chega cargada de propostas dentro das festas do Apóstolo. Así, a xornada do sábado abrirase co desfile do Día do Traxe, que partirá da Alameda ás 12:00 horas e percorrerá a zona histórica pasando por Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar e Praterías, baixando despois ata o Obradoiro e a igrexa de San Paio de Antealtares. Para participar non é precisa a inscrición, senón que abonda con presentarse na saída da Alameda cuns minutos de anticipación. Ao remate do desfile celebrarase unha misa (13:00 h) e logo, ás, 14:00 horas, a comitiva será recibida no Concello de Santiago.

Para a tarde queda o Certame do Traxe Galego. As persoas participantes congregaranse en San Domingos de Bonaval, a partir das 16:00 horas, para que as súas indumentarias sexan analizadas polo xurado. Despois, ás 19:30 horas, desfilarán dende as portas do Museo do Pobo Galego ata a praza da Quintana, pasando por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, rúa Nova, rúa do Vilar e Praterías. Na Quintana terá lugar a exhibición de traxes e a entrega dos premios do certame. A xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego.

Complementando este evento, a banda de gaitas e pandeireteiras Invernía, percorrerá tamén pola tarde as rúas do casco histórico. Sairán ás 19:30 horas do Teatro Principal, para seguir pola rúa Nova, praza do Toural, rúa do Vilar, praza das Praterías, rúa do Franco, praza do Toural, rúa das Orfas, rúa da Caldeirería, rúa do Preguntoiro, praza de Cervantes e rúa da Acibechería, para rematar na praza de Praterías, onde ofrecerán un concerto.

A programación da tarde inclúe tamén dous pases do espectáculo de danza Billie Jean, ás 18:00 e 19:00 horas na Alameda; as finais do XLI Torneo de Chave, tamén na Alameda, ás 17:00 h; e o espectáculo infantil Cruch, na praza de San Martiño Pinario, ás 18:30 horas.

A música volve á praza da Quintana ás 22:00 horas, desta vez co Beat Fest, un festival de música electrónica que reunirá a Line Up, Rhytm Part, Kico Villa e David Otero. Media hora despois arrincará a actuación do grupo La Ventana na Alameda e, para rematar a xornada, ás 23:00 horas, concerto de Nunatak na praza do Toural.

Domingo 21
A xornada do domingo arrincará co concerto da Banda Municipal na rúa do Vilar ás 12:00 horas, e coa celebración da tradicional Festa do Escalo de Chaián, na que se inclúe o XLV Concurso de Ciprínidos. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, comezará outra das visitas guiadas da man de Castelao, con saída dende o parque da Alameda (a carón da estatua de Valle-Inclán.

Sen dúbida, o protagonista da xornada é Xoel López, que ofrecerá un concerto na praza da Quintana ás 22:00 horas. O cantante coruñés chega a Compostela coa súa banda, e de seguro contará para a ocasión con algunha colaboración especial.

O programa musical deste domingo complétase co concerto de Suelen Estar & The Soul Machín. Será ás 23:00 horas na praza do Toural.

Documentos relacionados



Compartir: