ALCALDÍA

Santiago acolle a posta en marcha do proxecto EURE que lidera o Eixo Atlántico

11/07/2019 O Concello de Santiago de Compostela acolle hoxe, ao longo de toda a xornada, o acto de lanzamento e presentación do Proxecto EURE, un proxecto financiado por INTERREG EUROPE e liderado polo Eixo Atlántico que ten como obxectivo impulsar as experiencias na mellora das políticas urbanas.

Na comparecencia ante os medios, despois da benvida oficial e da presentación dos socios, o alcalde de Santiago destacou a importancia de que Santiago recupere "a posición que historicamente veu desenvolvendo en relación a proxectos de ámbito internacional, especificamente de ámbito europeo, en cooperación con outras cidades, sexa no grupo de cidades patrimonio, sexa no Eixo Atlántico ou no Arco Atlántico" ou, engadiu, "en multitude de grupos nos que Compostela sempre xogou un papel moi salientable, pero que dende o meu punto de vista dos últimos anos non se lle deu a importancia que tiña". Foi Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico quen explicou o proxecto, e quen salientou a importancia de que sexa a cidade de Santiago quen o lidere.

Nove socios doutros tanto países europeos traballarán durante os próximos dous anos no marco do proxecto EURE para identificar e propor ás autoridades de xestión nacionais (en España o Ministerio de Facenda) e ás autoridades europeas as accións e mecanismos que melloren as políticas ambientais urbanas e a eficacia e optimización dos fondos FEDER. Con estas axudas fináncianse propostas que, por primeira vez, estarán elaboradas dende as propias cidades. Son urbes de tamaño medio e da periferia de Europa, que contrastan coas cidades de grandes dimensións ás que sempre se orientan proxectos deste tipo. Sinalaba Xoán Vázquez Mao durante a presentación que "por primeira vez, as cidades galegas periféricas imos influír na toma de decisións" da Unión Europea.

Para o desenvolvemento de proxecto EURE, os socios dos países participantes, xunto a un grupo de expertos internacionais en política urbana, identificarán as mellores experiencias de cada país. Isto será durante os dous primeiros anos. Despois, o último ano trasladarán as súas conclusións ao resto de socios, para que sirva de base nas propostas futuras que poidan ser obxecto de financiamento, mellorando o impacto e eficiencia dos fondos europeos na calidade de vida das cidades e dos seus habitantes.

Na axenda da reunión figuran, entre outros asuntos, a presentación das principais obrigas e compromisos derivados do programa INTERREG EUROPE en materias de xestión, coordinación e comunicación; a aprobación do acordo da asociación; ou o implemento metodolóxico destes acordos a través de eventos, visitas de estudio ou seminarios.

O desenvolvemento do proxecto EURE alongarase ata mediados do ano 2022. Son socios do proxecto EURE: Eixo Atlántico (España), Agency for the Development of the Empolese Valdelsa (Italia), Alba Iulia Municipality (Romanía), Lubelskie Voivodeship (Polonia), Department of Coordination of European Projects of Pilsen City (República Checa), Nicosia Development Agency, ANEL (Chipre), ACR+ Association of Cities and Regions for Sustainable Resource Management (Bélxica), Conference of Atlantic Arc Cities (Francia) e Riga City Council (Letonia).

Compartir: