ALCALDÍA

O alcalde e o presidente da Xunta expresan a vontade de colaboración para "garantir que o Ano Santo 2021 sexa un grande éxito"

08/07/2019 A colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia na organización do vindeiro Ano Santo ou a política industrial foron os algúns dos asuntos tratados hoxe na entrevista que mantiveron o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O titular da Xunta comprometeuse a que no ano 2021 estarían rematadas a intermodal, a Cidade da Xustiza, as obras de rehabilitación da Catedral, as infraestruturas da Cidade da Cultura e a integración paisaxística das entradas á cidade dos diferentes Camiños de Santiago.

Sobre o ano Santo 2021, Sánchez Bugallo sinalou que "é un gran reto que temos que asumir as dúas administracións. Por parte da Xunta de Galicia quedou clara a vontade do presidente, e por parte do Concello de Santiago tamén vai ser así". Engadiu que "imos por toda a carne no asador, a deixar a pel para garantir que o Ano Santo 2021 sexa un grande éxito". E espera que sexa un punto de partida "a partir do cal Santiago e Galicia seguirán crecendo, cada vez de forma máis potente e máis sostida".

Lembrou que os dous Anos Santos, o de 2004 e o de 2010, nos que xa existira colaboración, "foron dous grandes éxitos para Galicia e para Santiago. E dende logo, 2021, despois de once anos sen Anos Santos, debe ser un éxito aínda maior".

O presidente da Xunta explicou que están facendo a integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago, dende Conxo ata San Lázaro, para que estean rematados no Ano Santo; que este mes se presentará o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 á Comisión do Xacobeo; e que a reforma da Catedral estará finalizada para esa data.

Sobre a preparación do Ano Santo 2021, Sánchez Bugallo sinala que "hai tempo. O que podía levar máis, como habilitar os aparcadoiros periféricos, estamos a tempo. Temos a experiencia de facelo, unha idea do que queremos facer, e imos facelo. E resto dos temas, como voluntariado, atención ou limpeza, imos resolvelo con tempo máis que suficiente". Hai que preparar, engadiu, un Plan de Seguridade e un Plan de Servizos. "Cando hai pouco persoal, o que temos que facer é ter un bo plan, aplicar as novas tecnoloxías e buscar acordos para cubrir aqueles servizos que consideremos necesarios", dixo, asegurando que "Santiago será unha cidade limpa, acolledora e segura no ano 2021, e non aceptaremos ningunha solución que non garanta iso".

Política industrial
Outro dos asuntos tratados foi a política industrial. Para Sánchez Bugallo, un dos grandes retos de da Xunta e do Concello de Santiago "é ampliar a base económica do noso país e da nosa cidade". Sinalou que "queremos traballar e colaborar activamente no desenvolvemento da actividade industrial", con iniciativas como un hub teconolóxico, e en áreas como a biotecnoloxía ou o cluster da madeira, con iniciativas "orientadas a captar e a facilitar a implantación de empresas en Santiago".

Explicou o alcalde que "imos establecer unha estreita colaboración na que imos por sobre a mesa todos os activos dos que dispomos: solo industrial, convenios fiscais, tramitación de licenzas, formación, etc", co obxectivo de facilitar a implantación de novas empresas en Santiago. Núñez Feijóo coincidiu co rexedor na competitividade do municipio para a instalación industrial, e saudou "o interese do alcalde en axilizar as licenzas, claves para dar seguridade".

O presidente da Xunta sinalou que toda "colaboración en materia de coordinación para captar investimentos para a cidade de Santiago ten a garantía do IGAPE, "porque temos que recuperar o tempo perdido en canto a industrialización se refire".

Actuacións en marcha
Núñez Feijóo agradeceu ao alcalde a súa colaboración e explicou que informara a Sánchez Bugallo de como están as actuacións que o Goberno galego está acometendo en Santiago. Entre os compromisos tratados co rexedor citou a licitación no último trimestre deste ano da residencia da terceira idade, de 120 prazas, cun investimento de nove millóns de euros; a ampliación do Complexo Hospitalario de Santiago en 27.000 metros cadrados; e a reforma e ampliación do centro de saúde de Conxo que, dixo, están valorando.

En relación á USC, falaron da aportación da Xunta de Galicia para a remodelación e actualización das infraestruturas, un asunto que -sinalou Feijóo- vai tratar co reitor nunha reunión convocada para as próximas semanas. Trasladoulle tamén ao alcalde as actuacións que a Xunta está a realizar nos colexios de Lamas de Abade ou Politécnico, e a próxima rehabilitación do CEIP Raiña Fabiola.

Outra cuestión citada por Núñez Feijóo foi o grao de execución da intermodal, cun 20% da obra no que se refire á estación de autobuses e co comezo dos traballos da pasarela que a une coa estación de tren. Apuntou como obxectivo que as obras estean rematadas para o Ano Santo. Engadiu que é favorable a modificar os accesos á Intermodal, nos que está traballando un equipo técnico do Concello para ter listo o proxecto no mes de setembro. Tamén apuntou o mantemento do compromiso de financiamento da Xunta coa depuradora da Silvouta, o obxectivo de rematar Cidade da Cultura para o Xacobeo do 2021; e aposta a disposición do Concello dunha guía xa elaborada pola Xunta para a extensión da fibra no casco histórico.

Compartir: