DEPORTES

Unha delegación de 46 deportistas de Compostela competirá na XIII edición dos Xogos do Eixo Atlántico

05/07/2019 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou a participación de Santiago na XIII edición dos Xogos do Eixo Atlántico que se van desenvolver na cidade portuguesa de Braga do 7 ao 12 de xullo. A delegación compostelá está formada por 46 deportistas e 10 técnicos, que competirán nas disciplinas de fútbol 7, natación, baloncesto e atletismo adaptado.

Esther Pedrosa destacou a importancia desta cita, polo que supón de "suma de convivencia e deporte". Así, os/as deportistas composteláns estarán en Braga con preto de 1.800 mozos e mozas de diferentes municipios de Galicia e do norte de Portugal.

O delegado municipal nesta cita será Amancio Pena, quen foi o encargado de dar conta do plan de viaxe, que comezará coa saída da comitiva santiaguesa o domingo 7, ás 16:00 horas, dende o Estadio de San Lázaro. O horario de volta dende Braga, o venres 12, dependerá das finais ás que cheguen os/as deportistas composteláns/ás.

Os Xogos do Eixo Atlántico arrincarán o luns 8, ás 16:00 horas, coa celebración da cerimonia inaugural. Este día xa haberá competición, que se prolongará ata o venres 12 de xullo, data que se celebrarán as finais de fútbol-7 e baloncesto, as últimas do torneo.

Compartir: