POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago apoia a investigación relacionada coa artrite que está realizando o IDIS

24/06/2019 O Concello de Santiago de Compostela apoia a investigación relacionada coa artrite que está realizando o Grupo de Patoloxía Músculo-Esquelética do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, o IDIS. Así llo transmitiu a concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, ao xefe deste grupo, Rodolfo Gómez Bahamonde, e á presidenta da Liga Reumatolóxica Galega, que integra a pacientes e familiares de afectados, Ana Vázquez.

Neste momento o Grupo de Patoloxía Músculo-Esquelética ten catro fármacos identificados con propiedades de control de inflamación e control de destrución de tecidos. Segundo aseguraba hoxe Rodolfo Gómez Bahamonde, trátase dun proxecto pioneiro, en fase preclínica, que aínda precisa ser ensaiado con animais. É un proxecto, explica, "libre de patentes, que esperamos poder comercializar como xenérico, para que chegue a todos os pacientes". Necesita un ano máis de investigación e dunha financiación de 22.000 euros que deben recadar no prazo dun mes. Por iso abriron unha conta na web www.precipita.es, no apartado de "Descubre proxectos. Stop artrosis", na que as persoas, colectivos e empresas interesadas en colaborar coa investigación poden realizar as súas achegas.

En Galicia, segundo explicaba Gómez Bahamonde, unha de cada cinco persoas padece algunha enfermidade reumatolóxica. "Afecta sobre todo ao colectivo de mariscadoras, e á xente que traballa no rural. En España son 7,5 millóns de persoas as afectadas". O responsable do Grupo de Patoloxía Músculo-Esquelética do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago aclara que os catro fármacos que están desenvolvendo non curan, "pero proporciona calidade de vida aos pacientes e controlan a enfermidade". Os nomes destes fármacos non se darán a coñecer ata a súa publicación, para evitar que algunha empresa ou grupo patente o seu uso.

Dende a Liga Reumatolóxica Galega, na que están integrados pacientes e familiares de afectados, queren dar visibilidade a este equipo de investigación, por iso organizaron esta pasada fin de semana unha peregrinaxe desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro na que tamén colaborou a asociación Acción Psoriase. Na praza foron recibidos pola responsable de Políticas Sociais, Mila Castro, e polas concelleiras do PP, Beatriz Cigarrán; e do BNG, Goretti Sanmartín.

Compartir: