MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Entran en vigor os horarios de verán do servizo de transporte urbano

21/06/2019 Este luns 24 de xuño entrarán en vigor os horarios de verán do servizo de transporte urbano, tal e como comunicou este venres o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado do xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera.

Os horarios manteñen a estrutura do pasado verán. Unicamente se reforzou algunha liña, como a 8, co fin de cumprir coas frecuencias establecidas, dado o incremento do paso de vehículos orixinado polas obras nas rúas de Castrón Douro e do Patio de Madres.

O Son do Camiño
Gonzalo Muíños aproveitou tamén a rolda de prensa para dar os datos do dispositivo especial de transporte posto en marcha con motivo do festival O Son do Camiño, celebrado os pasados 13, 15 e 15 de xuño. O concelleiro agradeceu "a todo o equipo que fixo posible que este dispositivo fose un éxito, ao persoal de condución e inspección da operadora de transporte urbano e ao persoal de Tussa e da Policía Local".

Nos tres días de festival, o servizo de transporte urbano tivo 50.695 usuarios/as. A maioría, 45.545, utilizaron o servizo de lanzadeira disposto para a ocasión. O resto, repartíronse entre as liñas 6 e 7 do transporte urbano.

Atendendo ás franxas horarias, as de maior utilización foron as comprendidas entre as 15:00 e as 23:00 horas, con 25.239 usuarios/as, e a que ía da media noite ata a finalización do servizo, con 24.850 viaxeiros/as.

Pintado do estacionamento de Santa Marta
Finalmente, o concelleiro anunciou que ao longo deste sábado, 22 de xuño, procederase ao pintado da área de estacionamento de Santa Marta, polo que pregou á cidadanía que non utilice este aparcadoiro durante esta xornada. Apuntou que veñen utilizando esta área de estacionamento unha media de 239 vehículos diarios (laborables) durante o que vai de ano. A este respecto, indicou que "se utiliza sobre todo en horario de mañá de luns a venres, pero tamén se observa que cada día son máis os vehículos que permanecen pola tarde no estacionamento, aínda que sen chegar ao grao de ocupación da mañá".

Compartir: