POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago súmase á conmemoración do Día Internacional das Persoas Refuxiadas

20/06/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, ofreceu unha rolda de prensa con motivo da celebración este 20 de xuño do Día Internacional das Persoas Refuxiadas. Na comparecencia, na que se presentaron diversas accións para conmemorar esta data, estivo acompañada de Isabel Rey e Macamen Díaz, da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas

Mila Castro expresou a súa preocupación polo "declive do interese mediático e a indiferenza social ante esta realidade de máxima gravidade que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. As imaxes da chegada de persoas refuxiadas a Europa xa non copan portadas, como facían no ano 2015, e parece que desapareceu o interese tamén da sociedade en xeral, pero non é que a situación teña mellorado".

A concelleira lamentou que, por mor do calendario electoral, non dera tempo a facer un manifesto e a aprobalo nun Pleno, pero recalcou a necesidade de non esquecerse neste día da "situación de estancamento e abandono que afecta a millóns de persoas refuxiadas en todo o mundo". Neste sentido, aproveitou a ocasión para manifestar o desexo do Goberno local de traballar estreitamente coas entidades que traballan cos refuxiados/as, para que "a cidadanía compostelá se sinta identificada coa situación das persoas refuxiadas e lles dean a oportunidade de continuar a súa vida aquí dun xeito digno, participando activamente na vida dos nosos barrios e velando polo respecto dos dereitos humanos".

Primeiros/as refuxiados/as en Santiago

Lembrou que o Estado español se comprometeu a acoller a 17.337 persoas refuxiadas. No caso de Santiago, dixo, as primeiras persoas refuxiadas que serán acollidas na cidade con programas específicos de apoio, van ser atendidas pola ONG Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade (MPDL). En concreto, está previsto que cheguen a Santiago 20 persoas dentro de dúas semanas, e xa nos mes de xullo outras 20 persoas máis.

Acto público no Obradoiro
Ao concluír a rolda de prensa, celebrouse na praza do Obradoiro un acto público no que leron as demandas que a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas realiza ás Administracións públicas. Colocouse na praza a lista das 35.597 persoas mortas no Mediterráneo e presentáronse diversos vídeos informativos e reivindicativos da Rede.

Os actos para conmemora o Día Internacional da Persoas Refuxiadas xa arrincaron o pasado domingo co a gala solidaria Desterrados, celebrada no Teatro Principal coa participación de Konafro, Avelino González, Marcos Teira & Tom Risco, Barullo Tango, Ángeles Goás, Tanxugueiras, Luz Fandiño, Coro da Rá, Vero Rilo e Tato López e compañía. O recadado e o que se consiga aínda a través da Fila Cero destinarase a Open Arms. O número de conta é: ES37 1491 0001 2930 0007 6060.

Compartir: