POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello sumouse á celebración do Día Nacional das Linguas de Signos

14/06/2019 A praza do Obradoiro acolleu a lectura do manifesto con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos. O acto, promovido pola Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, foi conducido pola concelleira en funcións de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, e contou coa participación da concelleira socialista Mila Castro e do edil popular Pedro Rey.

O manifesto deste ano 2019 afirma que é "tempo de avanzar na protección xurídica das linguas de signos". Para iso, demándase a incorporación das linguas de signos españolas no artigo 3 da Constitución ao mesmo nivel que o resto de linguas do Estado, e por incluílas (tanto a española como a catalá) baixo a protección da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Tamén solicita "elaborar a Estratexia Nacional sobre ensinanza, uso, protección e promoción das linguas de signos españolas" e a súa introdución como "causa específica de discriminación en calquera lexislación sobre igualdade e non discriminación". Outra das reclamacións é que se contemplen estas linguas de modo transversal en calquera tipo de lexislación e, finalmente, reclámase "consideración das linguas de signos españolas dende a perspectiva dos dereitos lingüísticos". "É tempo de construír. É tempo de ser libres", conclúe o manifesto lido esta mañá no Obradoiro.

Compartir: