POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello conmemora o Día das Persoas Refuxiadas coa gala solidaria "Desterrados "no Principal

13/06/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta hoxe da gala solidaria que o Concello desenvolverá, en colaboración coa Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas. Na rolda estiveron Cristina Bandín, da Rede Galega, e o produtor da gala, Tato López.

Concha Fernández lembrou que xa o ano pasado "o Concello se sumou a esta conmemoración" e apuntou que "o 20 de xuño non é un día para celebrar, senón para reivindicar, porque máis de 65 millóns de persoas en todo o mundo teñen que abandonar os seus países, e mesmo ás súas familias, para garantiren a súa supervivencia". A edila lamentou que "os países da Unión Europea non teñan cumprido os seus compromisos de acollida nos últimos anos".

Cristina Bandín sinalou que "o 2018 foi o ano co maior numero de mortes no Mediterráneo, tendo exemplos en Italia de alcaldes e sacerdotes perseguidos polo Estado por acoller persoas refuxiadas". Por iso, a Rede Galega quere implicar á sociedade a aos responsables políticos para que "non miren a outro lado".

Para conmemorar esta data, o Concello de Santiago celebra unha gala solidaria no Teatro Principal, o domingo 16 de xuño ás 20:00 horas, que leva por nome "Desterrados". A gala é de balde e estará conducida por Carmen Conde. Contará coa participación de Konafro, Avelino González, Marcos Teira & Tom Risco, Barullo Tango, Ángeles Goás, Tanxugueiras, Luz Fandiño, Coro da Rá, Vero Rilo e Tato López e compañía.

A entrada é de balde até completar aforo, polo que se recomenda asistir coa antelación suficiente. A recadación será no interior do Teatro e o que se consiga destinarase a Open Arms. Tamén se habilitará, para o mesmo fin, unha Fila Cero. O número de conta é: ES37 1491 0001 2930 0007 6060.

Tato López explicou ademais que o nome da gala "Desterrados" xurdiu pola canción do mesmo nome, que "foi gravada en estudo grazas á colaboración do Conservatorio de Galicia". Ademais fixo fincapé no obxectivo desta gala, que "non é outro que crear unha acción directa que teña repercusión no colectivo e que sirva para mudar conciencias".

20 de xuño
Cada 20 de xuño vénse conmemorando o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, como unha expresión de solidariedade, sensibilización e responsabilidade. Foi en 2001 cando a Asemblea Xeral de Nacións Unidas fixou esta data no calendario con motivo do 50 aniversario da Convención de Xenebra sobre o Estatuto dos Refuxiados, en 1951.

Compartir: