ACCIÓN CULTURAL

Unha nova publicación pon en valor o Panteón Real

13/06/2019 O Concello de Santiago vén de publicar unha guía sobre o Panteón Real, en colaboración coa Agrupación Cultural O Galo. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe a publicación, que forma parte da colección Saber e Descubrir, nunha rolda de prensa na que participaron Esperanza Delgado e Mercedes Espiño, integrantes da asociación.

A concelleira de Acción Cultural explicou que o obxectivo da publicación é "poñer en valor o Panteón Real, un símbolo do noso patrimonio material e inmaterial que ás veces pasa desapercibido dentro da grandiosidade da Catedral de Santiago". Branca Novoneyra sinalou que "o Concello acompañou á Agrupación Cultural O Galo neste traballo que vén desenvolvendo dende hai xa máis de dúas décadas para visibilizar a importancia do Panteón Real como capital simbólico e como mostra da nosa identidade".

A obra presentada hoxe inclúe artigos sobre o Panteón Real asinados por expertos como Ramón Yzquierdo Peiró e Anselmo López Carreira, así como unha introdución elaborada por M.ª del Pilar Rodríguez Suárez e Mercedes Vázquez Bertomeu, de Dehistoria. A publicación complétase cunha achega do flamante director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez, que repasa a historia do Panteón Real acompañándose de numerosas imaxes.

O Panteón Real, dentro da Catedral, é o lugar onde se atopan os sepulcros de dous reis de Galiza, Fernando II e Afonso VIII, e máis doutras destacadas personalidades dese reino, como a emperatriz Berenguela, Xoana de Castro ou o conde Pedro Froilaz de Traba. O deste foi o último sartego en incorporarse ao Panteón Real, que se abrira co soterramento de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza. Os investigadores sinalan que a información que se traslada sobre o Panteón Real "non achega unha versión correcta da historia, porque se explica que neste espazo da Catedral están soterrados reis de León, cando realmente foron coroados como reis de Gallaecia, tal e como se recolle na documentación da época".

Compartir: