POLÍTICAS SOCIAIS

Este venres chega ao Principal o espectáculo "Palabras que habitan corpos", dirixido por Leo Rodríguez e Carlota Pérez

10/06/2019 Chega unha terceira edición do programa comunitario multidisciplinar Torre de Babel, que se vén celebrando no Concello de Santiago co apoio da área de Políticas Sociais. Desta vez, o Teatro Principal acollerá este venres, a partir das 20:30 horas, o espectáculo de danza Palabras que habitan corpos, dirixido por Leo Rodríguez e Carlota Pérez.

O ambigú do Teatro Principal acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación desta acción, na que este ano o alumnado participante é o que decide que quere contar baixo a premisa: "Que te move?" Tal e como explicou a concelleira en funcións de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, "os participantes, máis de 20 en todo o espectáculo, usan o seu propio corpo, a palabra, a voz e a imaxe para realizar unha posta en escena única, con diversas micropezas propostas polos propios alumnos e alumnas". Na rolda estiveron dous dos alumnos participantes, Elvis García e Isabel (Beli) Miranda, quen explicaron as súas propias experiencias. Ambos coincidiron en que "ademais de ser unha compañía de teatro e danza, somos unha gran familia que coidamos o factor humano".

Ademais de Leo Rodríguez e Carlota Pérez, tamén dirixirá a obra o alumnado do proxecto "xa que este ano", tal e como sinalou a edila, "foi o elenco quen decidiu a súa propia dirección, o que converte isto nun proxecto inclusivo e creativo". Na mesma liña se pronunciou Carlota Pérez, quen destacou que "este ano quixemos enfocar o traballo doutro xeito, apostando máis pola formación artística e musical e non centrándonos tanto no resultado final". En total foron tres meses de traballo que Leo Rodríguez quixo poñer en valor destacando "a gran cantidade de persoas traballando xuntas". A dirección musical e arteterapia estivo a cargo de Rebeca Ponte; as atmosferas sonoras no proceso de creación levounas a cabo Óscar Cuesta; o adestramento de corpo, Adriana Paulos; e a fotografía, Vari Caramés. Adriana Paulos explicou a súa metodoloxía de traballo "utilizando a ximnasia terapéutica, que permite traballar as articulacións de maneira suave".

A acción estrearase o venres 14 de xuño, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, e a partir de aí intentará entrar nos distintos circuítos creativos, cunha segunda actuación a finais de mes na Coruña. A entrada é de balde e os convites poden retirarse no despacho de billetes do propio teatro o día anterior de 19:30 h a 21:00 h e o propio día dende as 18:00 h.

Fotolibro
Os fotógrafos Vari Caramés e Andrés Vilas desenvolverán, a modo de conclusión e memoria do proxecto, un fotolibro que estará dispoñible a partir de setembro e que servirá para dar conta do intenso traballo levado a cabo durante os últimos meses por Común Arte. Os/as integrantes do elenco realizaron os ensaios nos centros cívicos do Romaño e da Pontepedriña.

Compartir: