ALCALDÍA

O impulso internacional das Cidades Patrimonio, éxito destacado no balance da última lexislatura

08/06/2019 O Grupo das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España celebrou este sábado a última Asemblea Xeral deste mandato 2015/2019, na que se presentou o balance do traballo realizado estes catro anos e fixáronse algúns dos retos que as cidades terán que afrontar no futuro. O alcalde de Santiago en funcións, Martiño Noriega, representou a cidade nesta última xuntanza da lexislatura.

O presidente do Grupo e alcalde en funcións de Cuenca, Ángel Mariscal, destacou que "debemos sentirnos orgullosos do labor realizado e da situación na que deixamos o Grupo. Dezaoito asembleas, unha vintena de comisións executivas, máis de sesenta reunións das comisións informativas de Turismo, Patrimonio e Cultura que fixeron do Grupo unha institución máis forte, visible, quizais no seu mellor momento tras 26 anos de andaina, cunha grande estabilidade económica, ben posicionado a nivel nacional e internacional. Sen o esforzo e implicación de técnicos/as, concelleiros/as e alcaldes/as, unhas duascentas persoas, e o apoio institucional, isto non tería sido posible."

Entre os principais logros, Mariscal subliñou que "podemos dicir con orgullo que somos hoxe un exemplo en España de como se pode traballar e aprender xuntos, cun obxectivo común, sumando e axuntando vontades. E este consenso foi posible non só entre nós, destacando o papel do Goberno de España, a través dos ministerios con competencia en Cultura e Turismo, senón tamén incorporando no proxecto a numerosas entidades privadas e colectivos de España, Europa e Iberoamérica".

Internacionalización do Grupo
A internacionalización do Grupo neste período foi un dos éxitos destacados do mandato, en foros tan importantes como Nacións Unidas en Xenebra, en 2016, ou no encontro coa directora xeral da UNESCO, Audrey Auzelay, con motivo do 25 aniversario do Grupo, en 2018. Segundo Mariscal, "o recoñecemento da directora xeral da Unesco ao Grupo e a súa invitación para compartir as nosas boas prácticas como exemplo no ámbito europeo e iberoamericano, foron un bo froito da viaxe a París".

Entre os fitos da lexislatura tamén figura que o Grupo conseguiu en 2015 que o foro que reunía por primeira vez a asociacións europeas de Patrimonio Mundial tivese continuidade en Segovia, con sucesivas edicións en Lubek (Alemaña), Noto (Italia) e proximamente, de novo en España, en Eivissa/Ibiza, en novembro deste ano. O presidente considera imprescindible continuar "a tarefa que estamos a liderar dende hai dous anos, xunto con outras entidades de Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido, para aproveitar sinerxias e alcanzar mellor os obxectivos ante os organismos europeos, poñendo as bases dunha rede que reúna ás máis significativas asociacións de bens Patrimonio Mundial".

A visibilidade das 15 Cidades Patrimonio en todo o mundo aumentou de forma considerable neste período: "O Grupo está considerado por Turespaña como o seu máis importante Club de Produto, estandarte da imaxe da España cultural e patrimonial, e por iso, da man da Secretaría de Estado de Turismo, fomos os embaixadores de España en Estados Unidos, Canadá, Brasil, Arxentina, Perú, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, Suíza, Polonia, Rusia, República Checa, Serbia, Hungría, China, India, Corea do Sur, Xapón, Filipinas e Singapur. Tivemos o privilexio de que as embaixadas e consulados de España nos abriran as súas portas para dar a coñecer alí nosas 15 cidades a turopeadores e medios de comunicación".

Para a próxima lexislatura, Mariscal sinalou que "durante a visita ao comisario europeo de Cultura, Tibor Navracsics, reivindicamos o peso que o Patrimonio Mundial debe ter nas políticas da Unión Europea e o papel que España pode asumir como portavoz das entidades que o xestionan. Por iso, a constitución dun grupo de traballo específico dentro da Asemblea que sexa interlocutor e ligazón coa Comisión Europea, é unha tarefa que deixamos para os nosos sucesores".

No balance do traballo realizado no últimos catro anos, Mariscal incluíu "as máis 60 reunións das comisións de Turismo, Cultura e Patrimonio para xestionar e executar os programas que a Asemblea foi propoñendo e o esforzo que os 15 concellos vimos soportando para manter un Patrimonio declarado Universal".

Posicionamento institucional
Entre os avances deste mandato, tamén resaltou que "o Grupo está mellor posicionado que nunca no ámbito institucional. A colaboración co Goberno de España consolidouse e tecemos redes con prestixiosas entidades públicas e privadas como RTVE, Paradores, Iberia, o Instituto Cervantes, a Fundación Albéniz, a Fundación ONCE, Turespaña, Madrid Destino ou a Real Casa de Moeda".

Ademais, quixo agradecer especialmente a colaboración da Casa Real: "O agarimo do Rei Felipe VI cara ao noso Grupo quedou patente, así como a importancia que a Xefatura do Estado dá ao que representamos xuntos, como compendio da gran riqueza e variedade do noso país. A presenza da súa Maxestade foi o mellor colofón que podiamos ter aos actos do 25 aniversario en Ávila, que axudou a impulsar máis aínda este posicionamento da nosa marca". Tamén lembrou que a Raíña Dona Sofía foi a destinataria do Premio Patrimonio 2018, polo seu traballo de promoción da cultura e da conservación do patrimonio e polo seu apoio ao Ciclo de Música de Cámara do Grupo, en colaboración coa Fundación Albéniz e Paloma O’ Shea.

Cidades de cultura e deporte
A coprodución da serie de RTVE Cidades Españolas Patrimonio da Humanidade e a película promocional Cidades que amamos tamén se incluíron como accións positivas deste período, xunto certames anuais como Aula de Patrimonio, onde participaron preto de 8.000 escolares. "Sen esquecer -segundo Mariscal- a creación dun novo produto cultural e turístico, inédito en España, do que tamén debemos estar orgullosos: "La Noche del Patrimonio. A Nit do Patrimoni. A Noite do Patrimonio", co que miles de persoas gozaron dunha noite máxica nas 15 cidades". O impulso ao deporte tamén se sumou ás novidades desta etapa, co Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade, que alcanza xa dúas edicións e que conta con miles de seguidores.

Mariscal non quixo esquecer "a axuda fundamental do Ministerio de Cultura e Deporte, que confiou en nós para investir preto dun millón de euros en financiar as propostas que lles fixemos durante estes 4 anos para a posta en valor do Patrimonio Mundial que representamos".

Na súa despedida, Mariscal concluíu sinalando que "o noso Grupo debe continuar sempre como referencia de bo facer, de transparencia, de converxencia de intereses e de consenso, de procura o ben común e do interese xeral. Claves que son a esencia mesma da UNESCO e das nosas Cidades, que son Cidades de toda a Humanidade".

Formaron parte da Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España: Ángel Mariscal, alcalde de Cuenca e presidente do Grupo; Javier Rodríguez, alcalde de Alcalá de Henares; José Luis Rivas, alcalde de Ávila; Dolores Marín, alcaldesa de Baeza; Elena Nevado, alcaldesa de Cáceres; Isabel Ambrosio, alcaldesa de Córdoba; Rafael Ruiz, alcalde de Eivissa/Ibiza; Antonio Rodríguez, alcalde de Mérida; Carlos García, alcalde de Salamanca; José Alberto Díaz, alcalde de San Cristóbal de la Laguna; Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela; Clara Luquero, alcaldesa de Segovia; Josep Félix Ballesteros, alcalde de Tarragona; Milagros Tolón, alcaldesa de Toledo; e Antonia Olivares, alcaldesa de Úbeda.

Entre os acordos da Asemblea celebrada hoxe inclúese a reunión da próxima Asemblea Xeral, que terá lugar o 1 de xullo en Alcalá de Henares, data na que tomará o relevo como presidente do Grupo Rafael Ruiz, alcalde de Eivissa, e os alcaldes de Mérida, Antonio Rodríguez, e de Salamanca, Carlos García, como presidentes das comisións de Cultura e de Patrimonio, respectivamente.

A delegación do Grupo de Cidades Patrimonio realizou un percorrido polo Alcázar de Segovia, acompañados/as polo coronel alcaide, José María Martínez Ferrer, e despois realizaron unha visita á catedral e un percorrido pola cidade de Segovia.

Compartir: